“O incredíble viaxe dos bicos voadores”, presentación na Coruña e Betanzos

Preguntácheste algunha vez cantas clases de bicos hai? Algúns son suaves e quentiños, outros son fortes e intensos, algúns mesmo pican e outros nin sequera chegan a tocarse. Non todos os bicos danse cos beizos, ás veces xúntanse os narices ou fanse cóxegas coas pestanas. E, por suposto, tamén os hai voadores, bicos que viaxan días e máis días até atopar o seu destinatario ideal.

Como na poesía, quen le é quen narra, é o protagonista. María Inés Cuadrado utiliza moitos recursos da linguaxe adaptada á infancia, onde o adulto se pon á altura do neno para un maior achegamento afectivo e comprensivo. Neste conto, quen le aprópiase das palabras lidas, coa carga emocional que isto implica, establecendo un forte lazo con quen escoita. O uso da primeira persoa é unha postura comprometida, afectiva, próxima, coloquial, confidente; que, acompañado das imaxes cotiás que se describen, crean un clima íntimo e de confianza. A pregunta final é un recurso que estimula a comunicación kinésica fomentando a expresión corporal, ademais de ser unha invitación a continuar contando. Transmite unha mensaxe de altruísmo, solidariedade e xenerosidade verdadeiramente desinteresada. Neste sentido, sobresae o tema da diversidade -hai tantos bicos como persoas e todos valen- e do amor sustentable: dá moitos bicos voadores que todos se aproveitan.

As fermosas imaxes de Aldara Prado que acompañan o texto inspíranse na cartelaría e ilustración dos anos 60, tanto pola súa técnica como a súa estética, e representan persoas de todas as idades, xéneros, etnias, sexualidades… de tal maneira que calquera que se achegue a este conto cheo de amor e beleza poida verse reflectido nel.

María Inés Cuadrado (Buenos Aires, 1963) é actriz graduada por UNA (Arxentina) e narradora oral formada en Londres (Emerson College, Sussex University). Desenvolveu o seu traballo en diversos ámbitos  como  escenarios, bibliotecas e centros culturais de Galicia, Buenos Aires, Montevideo e Cali. O seu traballo como formadora na área de expresión oral foi exposto na Universidade de Belgrano (Bs.As.), Universidade da Coruña, Consorcio Galego de Igualdade e empresas privadas de Galicia. Tamén desenvolveu o seu labor como locutora de radio en FMPalermo de Buenos Aires  e en Radio Oleiros da Coruña. En 2014 realizou un Máster en Terapia Narrativa pola Universidade de Estremadura. Actualmente, imparte cursos sobre contos como ferramenta terapéutica e creatividade para a saúde en Buenos Aires, Mar de Plata (Arxentina) e Barcelona; e dedícase á escritura de obras de teatro, guións, poemas e contos para cativada. Este é o seu primeiro texto editado.

Aldara Prado (A Coruña, 1992) é unha ilustradora e autora de cómic galega que reside en Barcelona. Actualmente, traballa como ilustradora para varias editoriais infantís e está en proceso de publicar o seu primeiro cómic / novela gráfica de autoría completa coa editorial francobelga Casterman, editorial de clásicos como Tintín ou Corto Maltese. Colabora como autora na revista A viñeta de Schrödinger de BD galega.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar