O parque de atraccións Silleda Park puxo en marcha doce días de diversión

 

 

O parque de atraccións Silleda Park abriu as portas da súa cuarta edición na Feira Internacional de Galicia ABANCA, poñendo en marcha doce días de diversión que se estenderán durante todo o Nadal.

Así, ademais de hoxe, as portas do recinto estarán abertas mañá, os días 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e tamén o 2,3,4,6 e 7 de xaneiro. Desenvólvese en horario de 16.00h a 21.00h.

 

O parque volve a combinar atraccións, zonas lúdicas e deportivas e tamén actividades. En canto ás primeiras, inclúe saltamontes, pista de coches, dragón, barco de aventuras, tirachinas, camas elásticas, scalextric, inchables, mini olla, touriño infantil e Mario kart. A elas súmanse varias áreas lúdicas, como unha de videoxogos e outra de xogos para os máis pequenos,  e tamén pistas deportivas que inclúen fútbol, baloncesto e tenis, ademais de minigolf, ping pong e billar. Tamén conta cun xadrez xigante, unha exposición de figuras de ciencia ficción, unha pista de animal karts, un circuíto de pedais e unha galería de tiro e campo de nerf.

Así mesmo, realízanse diversas actividades, entre elas talleres de maquillaxe e globoflexia e, como novidade, espectáculos diarios con distintas personaxes de debuxos animados e sorteos. Hoxe os protagonistas nesta actuación foron a Patrulla Canina e os Angry Birds mentres que mañá estarán no escenario os Minions e Bob Esponja.

 

Estas personaxes, e moitas outras como Olaf e Elsa, Micky e Minnie, Daisy e Donald, Peppa Pig, Piolín e Silvestre, Hello Kitty, os Simpson ou Pocoyó, están a fotografarse esta tarde cos asistentes, ao igual que o farán todos os días.

A Feira Internacional de Galicia ABANCA organizou tamén este Nadal, coa colaboración do Recinto Feiral de Amio, o novo parque de atraccións Santiago Park. Este, que xa se celebrou os pasados 15 e 16 de decembro, volveu abrir as súas portas hoxe e continúa nas mesmas datas que o Silleda Park.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar