A Deputación de Ourense e a International Business School acordan colaborar en materia demográfica

A Deputación de Ourense da un paso máis no impulso de iniciativas innovadoras no ámbito do reto demográfico, nesta ocasión no que atinxe ao ámbito formativo e investigador da realidade demográfica, coa colaboración que veñen de acordar a Deputación de Ourense e a International Business School (IBS) para impulsar iniciativas que levarán a cabo no marco da cátedra sobre o reto demográfico, que impulsa no ámbito nacional esta entidade formativa, presidida polo xornalista Manuel Campo Vidal.

Na reunión que Manuel Baltar e Campo Vidal –presidente da Academia de Televisión e director do Instituto de Comunicación Empresarial- celebraron en Madrid, na sede da fundación Democracia e Goberno Local, ámbolos dous concordaron en desenvolver iniciativas para traballar conxuntamente no ámbito da cátedra demográfica, e o presidente do goberno provincial puxo en coñecemento do presidente da IBS os programas postos en marcha pola Deputación de Ourense en materia demográfica, como o Plan de apoio á natalidade e proxectos relevantes como o Observatorio do Rural, tema sobre o que Campo Vidal amosou o seu interese en participar aportando todo o coñecemento que a cátedra porá en valor, contando coas achegas dos mellores especialistas de España en cuestións demográficas.

Manuel Baltar defende a importancia de que na axenda política “figure o fenómeno do envellecemento e o despoboamento rural, polo cal, posicionarse, investigar e levar a cabo iniciativas formativas e de análise supoñen un paso importante para, de seguido, desenvolver proxectos eficaces que permitan obter resultados o máis inmediatos posibles porque estamos diante dun problema que require celeridade e un labor coordinado entre gobernos e administracións”, afirma Baltar.

A cátedra sobre o reto demográfico foi presentada recentemente en Madrid coa participación de Luís Planas, ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación do Goberno de España. Neste encontro púxose de manifesto a situación de desigualdade na que se atopan as zoas rurais e de montaña, e a necesidade de desenvolver neste ámbito políticas que avancen desde a innovación e a practicidade para facer fronte aos retos que estes territorios teñen desde os puntos de vista social, económico e demográfico.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar