A morte

Que é a morte? Ninguén quere explicalo. Parece que é quen de transmitir moita tristura e pena, é certeza absoluta, un paso seguro cara o recordo e/ou cara o esquecemento. O poeta mexicano, José Emilio Pacheco Berny, nun dos seus poemas, di que todo volve a ser po, xa que “é verdade que os mortos tampouco duran e que a morte non permanece”. Hai sitios como a caverna deste poeta nos que “tampouco vive a morte” e hai quen pensa que é poesía, que é a vida mesma. Como a beleza, a morte é cousa profunda, dicía Victor Hugo. Que cousa! A morte “é cóncava e escura e tibia e silenciosa”.

A morte é poesía e é prosa para ler lentamente, para escoitar caladamente e para darlle valor á nada, a ningunha cousa. Silencio, paz e nada máis. A acordanza dos amigos que morreron, mantenos entre nós, para que segan canda nós, cando menos, escoitando e participando cos seus sabios consellos, coa súa sabedoría plena e, cada un, coa súa alma chea de amizade e bonhomía.

Sen abusar da súa benevolencia, amigos e amigas, quero recordarlles que a Tía Manuela entende a morte como “unha viaxe sen retorno”, un tránsito infinito, cun tempo infinito, cara ao infinito mesmo. Onde estará? Alá adiante, á volta da esquina, alí está o sitio que buscamos, á volta da esquina. Nesa esquina que nunca ves, que non sabes por que é esquina e que ninguén entende que hai detrás da mesma, diante dela ou nela mesma.

Aos meus amigos Manolito Balseiro, Ramón Muñiz e Timoteo Álvarez quero seguirlles o rastro dende a mesma esquina onde os perdín. Aos tres na mesma ruta e, probablemente, na mesma dirección, a única que nos queda aos que pensamos que aínda seguimos vivos. Vivos ou mortos, que máis ten! A vida e a morte son como táboas planas que se sitúan en procesos continuados e alternos, de curta e de longa duración. Pero, algún día, morre a alma da xente? Si e non, ao mesmo tempo, como sempre, como sempre foi e será. Despois da vida vén a morte, esa andina cara aló, con traxe negro.

Aos que lles queda a esperanza son verdadeiramente afortunados, para os que a perderon queda a filosofía, as lecturas dos filósofos que razoan e avalan os seu razoamentos con principios e argumentos. Cada un ao seu, sabendo que estamos diante dun túnel escuro, que precisa moita fe para que entre unha raiola de luz, sen posibilidade de verificación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar