O Colexio de Arquitectos de Galicia presenta o segundo número da revista “Obradoiro Dixital”

 

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) edita o segundo número da publicación de arquitectura “Obradoiro Dixital”, un medio de expresión, reflexión e cultura da institución onde se difunden temas de arquitectura, urbanismo, construción e medio ambiente co obxecto de achegar a información a todos os arquitectos e á sociedade galega. Esta publicación dixital é un novo instrumento, cunha linguaxe para un tempo novo, homenaxe aos que fixeron posible a revista “Obradoiro”, editada en papel polo Colexio de Arquitectos de Galicia desde 1978 a 2012 e da que se publicaron 34 números.

 

No seu segundo número [Outubro/ 2018: http://www.obradoirodixital.gal] recóllese un monográfico sobre a figura e obra de Alejandro de la Sota (Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996), arquitecto homenaxeado no Día das Artes Galegas 2018, efeméride organizada pola Real Academia Galega de Belas Artes. A esta celebración sumáronse outros eventos, como a exposición itinerante que percorreu varias cidades e vilas galegas durante este ano, titulada “Alejandro de la Sota 1913-1996”, promovida polo Colexio de Arquitectos  de Galicia coa colaboración da Real Academia Galega de Belas Artes e con fondos documentais cedidos pola Fundación Alejandro de la Sota.

 

O Colexio de Arquitectos de Galicia completa esta homenaxe cun número monográfico de “Obradoiro Dixital”, centrado na relación do arquitecto coa súa terra natal e poñendo a énfase na súa condición de mestre atemporal, do que tanto se pode seguir aprendendo. Na presentación ou editorial da revista, asinado polo vogal da Xunta de Goberno, responsable da Comisión de Cultura e Publicacións do Colexio de Arquitectos de Galicia e membro do consello de redacción da revista, Cristóbal Crespo, xunto a Xosé Manuel Rosales e Antonio S. Río, faise un percorrido pola arquitectura e o pensamento do Movemento Moderno de Alejandro de la Sota. “A súa forma de abordar o proxecto a través da idea, dunha argumentación conceptual e abstracta, da experimentación no uso dos materiais e dunha expresividade concisa e elocuente, ocupan un lugar central no discurso intelectual da arte e a arquitectura do século XX” –explican na presentación–.

 

A revista contén tamén unha serie de artigos baseados en teses de doutoramento de diversos arquitectos. Pódese ler o artigo “Cruceiros, cabazos e flores”, escrito pola doutora en arquitectura Silvia Blanco Agüeira, cun texto sobre a arquitectura popular de Alejandro de la Sota. A continuación, inclúese un resumo sobre a exposición “Alejandro de la Sota 1913-1996”, escrito pola vogal do Colexio Elvira Carregado, onde se describe o transcurso da mostra por diversos puntos da xeografía galega ao longo de 2018.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar