Feijóo en Ames:“Un goberno frívolo crea a desconfianza nas institucions”

O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que, cando hai un goberno frívolo, os cidadáns deixan de confiar nas institucións. Por este motivo, animou a reconducir esta situación nos próximos comicios municipais.

Logo de salientar que no seu partido está a defensa da Constitución, está poñer en valor o que nos une e minimizar as diferenzas, que ten unha idea global de España, pero tamén unha propia de Galicia, e no que hai xestión e goberno; contrapuxo a situación de desconfianza institucional que se vive no conxunto do país coa estabilidade que hai na nosa Comunidade.

Nese senso, fixo fincapé en que a Galicia de hoxe é moito mellor que a que se atopou o Partido Popular cando chegou ao Goberno da Xunta no ano 2009. Así, destacou que na actualidade contamos cuns servizos públicos mellores que nunca, estamos mellor preparados para acabar coas desigualdades e para seguir reducindo o desemprego, e somos a Autonomía más solvente de España.

 

O PPDEG CONTRIBÚE AO PROGRESO

Ademais, o líder dos populares galegos aproveitou tamén para reivindicar o valor e a importancia do Partido Popular, por ser clave na transformación de Galicia, por saber conectar coa maioría dos galegos e por contribuír sempre ao progreso alí onde gobernou.

De cara as vindeiras eleccións municipais, Feijóo apelou á unidade e á ilusión para seguir traballando co listón máis alto, exercendo esta vocación de servizo con humildade, con coherencia, cos pés na terra, a carón dos veciños e sempre indo a favor: “A favor do concello, do progreso ou do benestar e non na contra dos outros como principal obxectivo”.

 

UN PARTIDO UNIDO E PREPARADO PARA AMES

Durante a súa intervención na comida de Nadal do Partido Popular de Ames, o presidente tamén aseverou que hai un PP unido e preparado para que todas as decisións adoptadas sexan tamén importantes para este municipio e os seus veciños, explicando que se precisa unidade, un proxecto e ilusión renovada, algo que os populares están en disposición de poder ofrecer co candidato Ramón Argibay á cabeza.

De igual xeito, recoñeceu que se non foi boa a división no partido aínda é peor a división no Concello, indicando que se souberon superar eses problemas internos para ofrecer unha mellor opción aos amesáns, tamén saberán superar a actual fragmentación que hai no Concello. “Temos solucións para Ames e Ames ten solución: chámase Partido Popular e chámase Ramón Argibay”, engadiu.

Ademais, Feijóo fixo balance das actuación do Executivo autonómico neste Concello, lembrando que se acabou o Corredor que une Brión con Noia, rematouse a ponte sobre a ría, abríronse dúas escolas infantís e un novo instituto, e construíuse a maior potabilizadora que nunca tivo Ames, sen esquecer que o municipio pronto contará tamén cun novo centro de saúde.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar