Deputación de Ourense:Compra pública de innovación, CPI

Máis servizos e máis vangarda tecnolóxica para seguir mellorando a xestión provincial. Así podería resumirse o novo proxecto que pon en marcha a Deputación de Ourense, denominado “Compra Pública de Innovación” (CPI), unha iniciativa impulsada pola Área de Transparencia, dirixida por Fernando Suárez, que ten como obxectivo atraer servizos de vangarda á xestión pública e promover a innovación desde a demanda, por medio da adquisición de produtos e servizos que non existen no mercado.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, analizou con Fernando Suárez as liñas de actuación e as fases de desenvolvemento do proxecto CPI, afirmando que anticiparse e avanzar na excelencia da xestión “é un reto da Deputación de Ourense no que vimos traballando para seguir mellorando en todos os ámbitos relativos á cooperación cos concellos e a veciñanza, con novas propostas tecnolóxicas aplicadas á xestión dos servizos públicos para contribuír á mellora social dos ourensáns”.

Baltar considera que esta iniciativa da Compra Pública de Innovación, unida ao proxecto “Provincia Intelixente” e ao inminente lanzamento do Smart Destinations “Hay un Ourense para ti. Descúbrelo”, “situará a Ourense novamente na vangarda das administración públicas provinciais en España, xa que a posta en marcha do CPI consolida o carácter innovador da Deputación de Ourense, reforzando os servizos que demanda a veciñanza, anticipándose ao mercado”. Ademais, afirma o presidente, “a Compra Pública de Innovación permitirá que os empregados públicos da administración acaden tamén os coñecementos necesarios para realizar procedementos de CPI, en liña coa nova lei de contratación do sector público”.

O proxecto dividirase en varias fases, comezando pola capacitación dos empregados públicos da Deputación de Ourense, para, de seguido, identificar e formular o reto innovador que se pretende lanzar; realizar as consultas ao mercado e finalmente levar a cabo a contratación.

Neste sentido, xa se fixo un primeiro proceso de identificación de necesidades e áreas nas que alcaldes e técnicos dos concellos consideran que a innovación pode xogar un papel fundamental para prestar servizos públicos de calidade. Unha das áreas seleccionadas ata o momento, a de “construción e rehabilitación de espazos destinados a fins sociais ou atención social” está a ser liderada polo director da Área de Transparencia da Deputación, Fernando Suárez.

Os aspectos clave desta iniciativa pioneira da Deputación son a realización de talleres de traballo “Learning by doing” (aprender facendo); promover o uso estratéxico da CPI na Deputación; situar a Ourense como provincia pioneira no deseño e posta en marcha dun programa integral de CPI, e promover o desenvolvemento de produtos e servizos innovadores por parte de empresas e centros de investigación da provincia e apoiar a súa internacionalización, con fin de mellorar a competitividade do territorio provincial.

Nesa liña, a Deputación de Ourense colabora coa FEMP no proxecto “Asistencia e asesoramento en materia de CPI e Impulso dos Territorios Rurais Intelixentes” no marco da colaboración existente coa Secretaría Estado para o Avance Dixital e Red.es, coa finalidade de ofrecer solucións aos gobernos locais mediante a innovación, identificando os problemas da poboación e as necesidades dos servizos para aproveitar as novas ferramentas a través da Central de Contratación da FEMP.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar