Ampla oferta turistica e termal en Ourense

A oferta turística e termal da cidade de Ourense achegouse durante a ponte festiva da semana pasada (6 ao 9 de decembro) ás máis de 50.000 persoas que visitaron a estación invernal de Serra Nevada para practicar deporte e gozar da natureza. O Concello de Ourense mantén un acordo de patrocinio coa Escola Universal de Esquí de Serra Nevada que converte a estación invernal en escaparate da oferta da cidade. Grazas a este acordo, a imaxe “Ourense, Capital Termal” está presente na totalidade de materiais informativos, equipamento e dependencias da escola en múltiples soportes.

A estación rexistrou magníficos resultados de afluencia durante os 4 días, con 39.664 deportistas que practicaron o esquí e un 90% de ocupación hoteleira, na que constitúe a mellor ponte festiva da súa historia, cunha media de case 10.000 esquiadores e esquiadoras ao día. A estes súmanse outras 10.507 persoas visitantes da estación e usuarias de actividades programadas no complexo durante eses catro días. A ocupación hoteleira do case o 90% veuse favorecida polas reservas de última hora, animadas pola consolidación das boas condicións de neve que ofreceu o centro invernal granadino.

 

O concelleiro de Turismo e Termalismo, Jorge Pumar, valora moi positivamente estes resultados. “Desde o Concello cremos decididamente no potencial de Ourense como destino turístico termal e debemos realizar apostas ambiciosas para achegar a nosa oferta ao noso público obxectivo”. Neste senso, subliña,  “a estación invernal de Serra Nevada é unha aposta especialmente interesante, xa que nos permite amosarnos ante visitantes interesados pola actividade deportiva, a natureza, o turismo interior”.

A estación prepara xa a súa programación de lecer e actividades para as vacacións de Nadal, datas nas que agarda obter tamén bos resultados e consolidar o seu posicionamentno de referencia no sector, coa expectativa de acadar unha ocupación do 100%, xa que a cantidade de neve acumulada permitirá abrir todos os sectores susceptibles de seren esquiados. Acollerá tamén competición sa nivel nacional e autonómico, como o nacional de esquí alpino, os autonómicos de todas as categorías e disciplinas e a actividade popular “Día mundial da neve”.

Desde 2015, a Concellería de Turismo e Termalismo do Concello de Ourense está a promocionar a marca Ourense Capital Termal na estación de esquí de Serra Nevada, unha das máis importantes e prestixiosas do país, que cada ano supera o millón de visitantes. O patrocinio do ano 2018 supón un investimento de 8.470 euros

Múltiples soportes en exclusiva.

Esta acción de promoción ten carácter exclusivo, e suporá a inclusión da imaxe “Ourense, Capital Termal” en todos os materiais informativos distribuídos na estación (mapa de pistas, folletos, tickets) así como no equipamento de profesores e persoal da estación.

A imaxe de Ourense estará tamén visible nas dependencias da Escola en Serra Nevada a través de vídeos, cartelería e bandeiras, tanto á entrada da estación coma no punto de información de Borreguiles, xa en pista. Outros soportes dixitais. coma a web oficial da Escola, inclúen tamén a imaxe de Ourense – Capital Termal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar