A Ap-9 é nosa

Non se arrufen que aínda non van comer coello. Que o Congreso tomase en consideración a proposta unánime do Parlamento galego para discutir o traspaso da titularidade da autoestrada AP-9 á Xunta, grazas a teimosía do BNG, non é para tirar foguetes.

Gañouse unha pequena batalla, baixar da burra aos que vetaron durante anos que a proposta se puidese sequera discutir, pero a guerra continúa.

Agárdanos outra rifa aí ao rouse: conseguir que os partidos estatais, como xa anunciaron, non eliminen en comisión a Disposición Adicional Terceira que especifica que o Estado español asumirá o rescate da concesión se así o demanda a Xunta.

Aí comezará a verdadeira guerra, que non é outra que conseguir o fin da concesión en mans privadas e a autoestrada libre de pexes.

Non podemos agardar ao ano 2048, ano ao que se ampliou a concesión por obra e graza do PP e, continuo logo, por idéntica política do PSOE.

Para dentro de dous anos só quedarán no Estado dúas autoestradas en mans privadas da xeración da AP-9. A galega e a AP-68, Bilbao-Zaragoza. A unhas cadúcanlles a concesión, outras foron rescatadas polo Estado.

Poderíamos falar do que representa economicamente ter que pagar 47 euros de peaxe de Tui a Ferrol. Ou como unha viaxe Vigo-Coruña váisenos a 49 euros, contando o combustíbel. Cando por 29 euros fas a viaxe en tren.

Así non se “vertebra” Galiza, como afirman moitos “memorialistas” cando lembran que o BNG agora reclama a titularidade galega da autoestrada e, no seu día, se opuxo a súa construción.

Chafulleiros e chafalleiros, non lle importa para nada que o BNG se constituíse no ano 1982. Pero que máis dá unha mentira máis ou menos.

É certo que o nacionalismo se opuxo no seu día a AP-9, o que non invalida para nada a súa pretensión de que, agora feita, pase a ser de titularidade pública galega e, sobre todo, libre de peaxes.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar