A Deputación de Ourense edita un libro sobre o bispo Pedro Quevedo

A Deputación de Ourense vén de editar un exhaustivo traballo asinado polo historiador Jesús de Juana sobre o bispo de Ourense Pedro Quevedo, protagonista na historia de España dos séculos XVIII e XIX. A obra, titulada Pedro Quevedo, obispo de Ourense y regente de España (1736-1818), foi presentada hoxe no centro cultural “Marcos Valcárcel” coa participación do autor e do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen destacou que se trata “dun libro sobre unha personaxe de relevancia na historia ourensá, que foi bispo de Ourense durante máis de catro décadas e de quen este ano se conmemora o bicentenario do seu pasamento”, dixo Manuel Baltar

Baltar agradeceu a Jesús de Juana, “un dos grandes historiadores de Ourense, o seu labor investigador, froito do cal sae á luz unha publicación que nos achega importantes datos sobre Pedro Quevedo; recoñece a figura, o pensamento e a traxectoria de quen tivo un forte impacto en Ourense, Galicia e España”. “Esta obra incorpórase á biblioteca de ilustres de Ourense, da que xa forman parte prestixiosos persoeiros como o Padre Feijoo ou integrantes da Xeración Nós, estudados por Jesús de Juana”, expresou o presidente.

Pedro Quevedo, aínda que naceu en Badaxoz, estivo corenta e tres anos de bispo en Ourense, os dous últimos tamén como cardeal, e deixou unha pegada inesquecible na cidade e na provincia por feitos tan singulares como acoller a máis de trescentos clérigos franceses que chegaron escapando da Revolución Francesa; a construción e mantemento da escola-taller para expósitas nas Mercedes, ou a creación do Seminario de San Fernando, entre outras.

Jesús de Juana agradeceu ao presidente da Deputación a súa paixón pola cultura e historia de Ourense “que fai posible publicar traballos como este”, e explicou que cando chegou a Ourense na década dos 70 comezou a interesarse por personaxes de Galicia e, sobre todo, de Ourense, descoñecidos na súa etapa formativa. “Entre eles estaba Pedro Quevedo, quen nos estudos publicados sobre a Guerra da Independencia aparecía sempre como o bispo de Ourense, levando, daquela, o nome desta provincia no ámbito nacional e incluso internacional”, sinalou o autor.

“Na provincia de Ourense houbo notables representantes, pero foi Pedro Quevedo quen chegou ao cumio da política española, como xefe de Estado, ao ser nomeado en 1810 presidente da Rexencia de España pola súa defensa dos valores patrióticos”, lembrou Jesús de Juana, quen destacou, ademais do labor político de Quevedo a súa faceta como docente. “Pedro Quevedo foi un home do seu tempo, ancorado no antigo réxime, o que lle levou a vivir episodios de enfrontamento coas Cortes e a ser expatriado a Portugal, sendo un dos máis ilustres intelectuais daquela época”, explicou De Juana.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar