O lobo

Veu lobo ás ovellas! Comeu varias e matou moitas máis. Eran dous, un lobo e unha loba parda, mala como a máis mala das lobas salvaxes, nai de lobiños salvaxes e tamén pardos, con dentes aguzados e rabo longo ergueito, con brío no seu andar e con fame de moitos días. Parecían a loba e o lobo protagonistas dun conto de medo, dun daqueles contos da lareira cheos de fantasía, de ironía e con moita sabedoría popular. Daqueles contos que contaban as peripecias das ovellas brancas, brancas e negras por dentro e por fóra, amedrentadas polo lobo feroz, aínda que non era tan fero como o pintaban.

Andan os lobos e lobas pola Galicia rural, achéganse ás casas, ás granxas, ás palleiras e non atopan carne para comer

Uxío Novoneyra, nun dos seus magníficos versos, detíñase diante do lobo, admiraba os seus cousos, preto dos caborcos do xabarín, e víao traspoñer ao lonxe, “O lobo! Os ollos o lombo do lobo!”. O lombo do lobo ollábase entre as flairas dos teixos, mentres as ovellas corrían cara a casa sen parada e apuradas polo can ovelleiro, un can raxado e pequeno, moi capaz e moi solitario, sen confianza co gando e menos co pegureiro.

Andan os lobos e lobas pola Galicia rural, achéganse ás casas, ás granxas, ás palleiras e non atopan carne para comer. Van e volven na procura de sustento, pero non son quen de recuperar o terreo perdido. Non hai xente na Galicia do interior, non hai gando nin outros animais, non hai caza nin cazadores, non hai paxaros nin cereixas para que puideran comer. A paisaxe rural é distinta da que moitos dos lectores coñeceron. Mellor ou peor? Diferente, con pouca vida e cun sistema en desequilibrio permanente.

Os estudosos estiman que hai poucos lobos en Galicia, parécelles que o número é tan reducido como preocupante, e queren que as autoridades e as asociacións ecoloxistas protexan a bravura dos poucos que quedan. Os investigadores analizan e describen a situación coas súas contradicións. Dalgúns estudos recentes despréndese que hai lobos por Galicia que non pertencen a ningún grupo, son solitarios loitadores pola súa supervivencia, inadaptados á zona, á xeografía e á climatoloxía.

Os labregos e gandeiros non queren lobos no seu arredor. Os paseantes e sendeiristas, tampouco. A Tía Manuela, neste caso, razoa á súa maneira: “Antes os labregos de Galicia gardaban as ovellas e tornaban o lobo, agora coidan as ovellas para manter aos lobos”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar