Eu creo en San Alfonso de Guitiriz

No mundo da Cultura de Galicia, cando se menciona a “Alfonso de Guitiriz”, fálase de Alfonso Blanco Torrado, o máis popular dos Alfonsos da Terra Chá, que naceu en Montevideo en 1950, ten as súas raíces familiares no Ponteceso de Pondal, e é chairego por vocación e dedicación, desde o momento en que pisou estas terras e fixo de Guitiriz un especial punto de referencia para entender a Terra Chá, espallando cultura desde aquí para todo o mundo chairego.

Estudou en Compostela e na Pontificia de Salamanca, tendo xa importante papel no movemento estudiantil. Monseñor Arauxo, estimou o seu traballo e dedicación, e cando rematou aquela etapa, pediulle a Manuel Espiña (que llo encomendara): “Mándame outro Alfonso”. (Non había).

Xa crego, hai máis de corenta anos que chegou a Guitiriz, servindo varias parroquias, e exercendo un maxisterio relixioso, cultural e social que percibimos directamente e a través de Xermolos e a Irmandade Manuel Mª.

Agora profesor xubilado do Ies de Guitiriz, mozos e mozas foron sempre a súa especial preocupación, distinguíndose no apoio a rapaces con problemas, colaborando con institucións galegas de atención a mozos con problemas de adiccións.

A través de Xermolos e Irmandade Manuel María, ten organizado centos de actos culturais en Guitiriz e en toda a nosa comarca, destacando os “Encontros da Terra Chá” arredor de persoeiros da cultura e da sociedade; os Congresos da Terra Chá; e a creación do Paseo dos Soños, á beira do río, en Vilalba, onde cada ano se ergue un monolito na memoria dun creador chairego, estando alí honrados, entre outros, Manuel María, Paco Martín, X. M. Carballo, Agustin Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Chao Rego, Darío Xohán Cabana ou Mini e Mero. En Xermolos é o responsable de que nacesen a Escola de Música Tradicional, Escola de Canteiros, Coral polifónica, grupos de música, Cadernos etnográficos, “Guieiros”, e a “Revista Xermolos”. Ten editado ducias de libros en prosa e poesía, dando a coñecer a obra de autores novos de Guitiriz e da Terra Chá, e honrando aos consagrados con atención especial a Manuel María e Xosé María Díaz Castro, os seus especiais amigos.

No 1980, creou a “Feira e festa da música e da arte”, que primeiro tiña por marco o inmediato Campo da Feira, e moi axiña evolucionou cara ao Festival de Pardiñas, un dos máis importantes festivais que que se celebran neste país.

A través de Xermolos sostén a Biblioteca Pública, á que logo engadiu a Casa das Palabras, na que se rende honra permanente aos creadores literarios guitiricenses e chairegos, que nela son acollidos e homenaxeados. Creou os premios de Guitiriz de Pintura, Escultura, Fotografía… e de narración e poesía infantil, con participación anual de centos de rapazas e rapaces dos centros educativos da Terra Chá. Colabora en diversos medios de comunicación, especialmente en “Irimia”, “Encrucillada”, “El Progreso”, Radio Popular de Vilalba ou Galicia Digital.

Grazas a Alfonso Blanco e Xermolos, o noso gran poeta e amigo Diaz Castro puido cumprir o desexo de volver á Terra, atopando en Xermolos a súa casa literaria e de amizade, e en Alfonso o gran valedor, para dar a coñecer a súa persoa e obra, culminando co Día das Letras Galegas do 2014 para o escritor. Froito da súa relación con escritor é o libro “A ascensión dun poeta”, co que gañou o Premio Anxel Fole de Ensaio. Ten, asi mesmo, o “Premio IAR de folclore”, o “Moncho Valcárce, de Promoción da Terra”, e o “Premio Solidariedade”.

Aqueixado de problemas de saúde que non lograron arredalo do seu incesante labor cultural, o pasado xullo recibiu homenaxe no alto do monte en Santa Mariña, onde se ergueu na súa honra un monolito de seis metros de alto, obra do escultor Valdi (Xosé Val Díaz), que se en principio Alfonso ía erguer na memoria histórica de “Os da Lexía”, mozos coruñeses masacrados en 1936, por desexo de Xermolos e dos amigos foi dedicado a estes mártires da liberdade e a Alfonso, como infatigable loitador pola libertade, pola memoria, pola sociedade e pola cultura.

Hoxe, este chairego tan especial, que xa os guitiricenses tiñades declarado “Veciño necesario”, recibe o galardón máis grande que un concello pode conceder a quen non naceu no seu termo, e así a institución municipal, por unanimidade, por petición da súa alcaldesa, acordou porfillalo, declarándoo Fillo Adoptivo de Guitiríz.

Por iso estamos todos aquí… porque todo o que se lle faga a Alfonso fáisenos a todos os seus amigos; porque queremos agradecer ao Concello de Guitiriz esta tan xusta concesión, e queremos estar ao lado de Alfonso nos momentos difíciles e nos momentos ledos. E este é un gran momento para Alfonso, para a súa familia, e para a súa xente que somos todos nós.

Eu creo firmemente na existencia dos santos nosos de cada día, que andan arredor de nós facendo o ben en calquera ámbito: no cultural, no social, no asistencial, no humano… con Galicia por bandeira. E para ser santo galego dos de a pé, non fai falla ser cura, pero ¡como axuda!, ¡como anima!… Porque a estes santos “civis”, os devotos asignámoslles unha santidade laica, humana, só ao alcance dos que entregan a súa vida, día a día, aos demais… Repito que se un destes santos laicos é crego (velaquí o especial caso de Alfonso), entra nunha dimensión diferente na que se concitan vocación, entrega, fe, formación, altura de miras… cun resultado sorprendente, que para moitos é explosivo, e para todos confortante.

Cando eu era mozo adoitábase dicir por parte dos que empezábamos a dubidar das verdades absolutas: “Eu creo en Deus pero non no persoal”. Alfonso Blanco Torrado, Alfonso de Guitiriz, é a proba máis clara de que hai “persoal” no que é posible creer; no caso de Alfonso, porque todo el é “verdade e vida”.

(Palabras de Xulio Xiz no acto de entrega a Alfonso Blanco Torrado do título de Fillo Adoptivo de Guitiriz)

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar