Baltar presenta os actos conmemorativos do centenario da Coral de Ruada

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente e vicepresidente da Coral de Ruada, Samuel Lago e Emilio Rodríguez, respectivamente, presentaron o programa de actividades que se desenvolverá ata xuño de 2019 para conmemorar o centenario desta senlleira agrupación musical. As actividades, que contan co apoio da Deputación de Ourense, abranguen concertos, exposición, conferencias, descubremento de placas conmemorativas, audicións e proxeccións de filmes, poñendo en valor a traxectoria cultural e musical da Coral de Ruada ao longo dun século. No acto, ademais, presentouse o estandarte do centenario da coral, que recolle o escudo da institución e a data do seu centenario: 1918-2018.

O presidente da Deputación de Ourense destacou á Coral de Ruada como “gran embaixadora cultural e musical de Ourense, que mantén a vixencia do seu espírito fundacional: a defensa da nosa identidade”, expresou, afirmando que “todo o que se poida dicir da Cora de Ruada é pouco, unha institución centenaria e de sona que traspasa fronteiras e que é un exemplo do mantemento da nosa tradición musical, un dos tesouros da provincia de Ourense”.

Pola súa parte, o presidente da Coral de Ruada, agradeceu á Deputación de Ourense o seu apoio e colaboración, e explicou que o éxito da coral non é só “pola afección ao canto, senón porque foi capaz de manterse neste mundo globalizado e, por elo, é un espello no que mirarse para moitos coros”. Asemade Samuel Lago salientou o vínculo que existe entre a agrupación musical e Ourense afirmando que “a cidade das Burgas non sería sen o río Miño e tampouco o sería sen a Coral de Ruada”.

A fundación da Coral de Ruada remóntase ao 5 de outubro de 1918 en Villa Joaquina, na avenida de Zamora, baixo o nome de “O Coro de Ruada”, e presentouse ao público ourensán o día 24 de xuño de 1919, no desaparecido Salón Apolo, por iso, os actos previstos para conmemorar o seu centenario desenvolveranse entre estas dúas datas tan importantes na historia desta entidade musical. Entre os actos programados figuran concertos, conferencias, publicacións, exposicións, homenaxes e actos institucionais, entre outras actividades que se celebrarán desde o mes de outubro de 2018 ata o mes de xuño de 2019, explicou Emilio Rodríguez.

Neste sentido, o vindeiro 15 de decembro terá lugar a colocación dunha placa conmemorativa na beirarrúa da avenida de Zamora, á altura de Villa Joaquina, onde tivo lugar a reunión fundacional da Coral de Ruada; o 22 de decembro celebrarase unha misa-concerto de Nadal na parroquia de María Auxiliadora, e o día 28, o tradicional Concerto de Nadal da Coral de Ruada na catedral de Ourense. Posteriormente, o día 3 de xaneiro terá lugar o Concerto de Reis na parroquia de Santiago das Caldas, para continuar ao longo dos vindeiros meses, ata xuño de 2019, coas demais actividades do centenario.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar