A Breijoeira, o palacio do Albariño en Monçao

A Breijoeira, o palacio do Albariño en Monçao

Da outra banda de Salvaterra, río Miño por medio, aséntase a vila portuguesa de Monçao, ben sabido polo romántico, admirador dos vates do Rexurdimento galego, José Rodrigues Vale co pseudónimo de Joâo Verde (1866-1934), o que escribiu os versos que agora campan en azulexo mirando á Galiza :

Vendoos asim tâo pertinho

a Galiza e mailo Minho

sào como dois namorados

que o río traz separado

quasi desde o nascimento

Deixalos pois, namorar

já que os paes para casar

lhes nâo dâo consentimento

(Ares da Raia)

Ben paga a pena facer pousada e fonda en Monçao, a carón das súas ben conservadas murallas estilo Vauban pra defenderse de España… saber ademais da lenda da heroica panadeira Deu-la-Deu Martíns nas guerras entre España e Portugal do século XIV… tomar os baños nas súas termas, xantar o año asado e beber os seus viños verdes, base pra recorrer esas terras arraianas que levan cara Melgaço, suben ao Leboreiro, pasan ao Santuario da Peneda e seguen pola serra do Soajo. Sen deixar de visitar e saber da icona desta Terra, dos seus viños e do seu bo facer, como pensaba Joâo Verdes, referímonos ao Palacio da Breijoeira, situado na parroquia de Pinheiros, a banda dereita da estrada Nacional 101, que leva de Monçao a Arcos de Valevedez, a uns cinco quilómetros de Monçao. Conxunto declarado Patrimonio Nacional Portugués dende o 1910.

Señorial construción, grandioso pazo, complementado con capela, adegas, casas dos caseiros entre xardín, bosque, horta e viñedos ben coidados e coutados por un sólido valado. 30 hectáreas das que máis da metade están dedicadas a cepas de viño Albariño, sabia e precursora iniciativa de Herminia Paes, a derradeira «Señora da Breijoeira», finada no fin de ano do 2015, a súa fantasma e a súa memoria nunca abandonarán esta súa casa nin a parroquia de Pinheiros onde quixo ser enterrada xunto coa súa xente. Preocupada por que non se falase da súa vida íntima e familiar e si de traballo e de futuro. Experimentando e sabendo que a modalidade da antiga e entón case desaparecida cepa galego do albariña prefire os solos de arxila calcaria que aquí hai en combinación co sol e a humidade; señora coidadora dos vellos alambiques onde se destila, segundo a antiga tradición, a augardente pra levala a envellecer ás vellas cubas de carballo francés da Adega Vell, templo onde se cría seguindo o transcurso de non menos dunha ducia de anos. Cotizada augardente vella da Breijoeira, brindar con ela é brindar co pasado e co porvir das tradicións galegas.

O Palacio da Breijoeira é construción versallesca, con referentes no Palacio Nacional de Ajuda en Lisboa, atribuído ao arquitecto Carlos Amarante, coñecido en Braga e Porto, aínda que outros autores se inclinan por José da Costa e Silva autor de devandito Palacio de Ajuda. Edificación en diálogo coa paisaxe e como ben se di ven a ser o ex libris, o símbolo, a imaxe, do Alto Minho, da ruta e dos seus excelentes viños verdes. Obra na que confluirán, deica hoxe, tres familias, algunha con apelidos de orixe galega, Moscoso, Fonseca… Iniciada no 1806, momentos conflitivos pola francesada, especialmente nestas ribeiras do Miño sometidas aos exércitos de Soult, iniciativa dun influínte novo rico local, mesmo con palacete no Largo de Caldas en Lisboa, capital que frecuentaba, Luis Pereira Velho de Moscoso (1767-1837). Grandilocuente construción esquinada con torres as que soamente se lle permitín aos fidalgos, e como non era, buscou e conseguiu autorización real. O seu segundo fillo Simâo continua o proxecto. Polas crónicas sabemos que en marzo de 1874 a Breijoeira recibe á Condesa de Pardo Bazán e ao seu marido don José Quiroga cando facían un longo periplo cara Porto, Lisboa onde collerían un barco rumbo ao Havre e logo a París… días de tren, carruaxe, cabalos e mesmo camiño a pe… tema que aproveita o historiador da Breijoeira Ernesto Português para introducir á vida e obra da escritora da Coruña. No Caderno n.- 6 Ana María Freira López da UNED de Madrid, en base a un inédito do Cahier de voyage da escritora, refírese ao camiño e á estancia da coruñesa na Breijoeira. Abonda a escritora na decoración, nos parladoiros, nos criados… Simâo Pereira morre sen descendencia e o predio da Breijoeira pasa á lisboeta Joana de Caldas, a que non se preocupa e abandona o iniciado até determinar sacalo a poxa pública no 1901. O novo propietario será Pedro María de Fonseca Araujo, presidente da Asociación de Comercio do Porto, que reinicia a restauración, obras nas que colaboran dous grandísimos arquitectos dente tempo e amigos de Antonio Palacios, Ventura Terra e Marques da Silva, incorporando incluso capela, teatro e revestindo de azulexo os recibidores de entrada, invernadoiro de cristal, mesmo aproveitando o lago para enerxía eléctrica propia. Ao morrer Pedro Araujo retorna a decadencia.

O 1937 abre unha nova etapa de modernización deica hoxe, será agora Francisco de Oliveira Paes, outro rico comerciante de Lisboa, quen adquire para regalarlle a súa filla semellante predio, María Herminia de Oliveira Paes (1918, que aquí pasará a súa vida até o seu pasamento no 1999), casada e sen descendencia, quen a fin de garantir o futuro da casa crea unha Sociedade Anónima da que será a súa principal accionista. Dende entón o pazo revive: os salóns con revestimentos de papel pintado, os teitos de escaiola e pintura mural, lámpadas, a mellor ebanistería en zócalos, pisos, mobiliario e porcelanas da china, da India, do Brasil… a rica biblioteca… engrandecendo os xardíns e o bosque con árbores exóticas. E a partir dos anos 60 cando se determina mudar os tipos de cultivo da horta, froiteiras e oliveiras pola cepa que Cunqueiro dicía ser orixinaria de Galiza, provinte no medievo da Borgoña do Císter, o Albariño, iniciativa que abre a todo unha era, que brilla hoxe por obra e gracia do asesor e administrador do pazo, Emilio Sousa Magalhaes.

Os xardíns con tantas variedades de camelias danlle cor ao inverno; o lago dos nenúfares entre as simbólicas estatuas a de Ceres e de Flora, en alusión aos produtos da terra, a avenida dos tilos, dos plátanos, o pavillón de xogos, o pombal, as fontes, a illa dos amores…

Conxunto longa e silenciada historia, onde os ditadores Salazar e Franco se reuniron un 27 de setembro do 1950, parada e fonda nin periplo conxunto no que tratar sobre estratexias ibéricas. Instalación abertas ao público, onde se organizan eventos, servindo as cortes como recepción de visitantes, onde se ofrecen os produtos do predio, o viño albariño e moi especialmente a cotizada auguardente vella, onde se ofrece a historia Palacio da Breijoeira dois séculos de historia (2018) da autoría de Ernesto Portugués. Contaxio de bo facer.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar