A Constitución que trouxeron os espías

A Constitución Española, da que se celebran os seus 40 anos, non se entende sen a Lei para a Reforma Política, aprobada polas Cortes franquistas en xaneiro do 1977.

Existen dúas claves nesta lei, que é “para a Reforma” e non “de Reforma” o que levou a un importante debate no Consello de Ministros, pois, ese “para” deixáballe a última decisión aos cidadáns, pero sen incluír unha cláusula derogatoria, segundo afirma Ernesto Villar,

En consonancia, a disposición final desta breve lei (tan só cinco artigos, tres disposicións transitorias e unha disposición final) tal e como foi redactada, derogaba automaticamente todas as leis que se opoñían a ela, como as Leis Fundamentais, ao ser aprobada a Constitución.

Ao coñecerse a lei, o PCE expresa o seu total rexeitamento. O PSOE considéraa “un avance insuficiente” e a Coordinadora Democrática, coñecida como Platajunta, que se arrogaba a representación de toda a oposición, emite un comunicado no que rexeita a convocatoria dun referendo e as posteriores eleccións xerais por tres motivos: “antes de convocar ao pobo, hai que devolverlle as súas liberdades, non se pode excluír do proceso a unha parte da sociedade e é imprescindíbel pór en marcha un auténtico proceso constituínte”.

Unha semana despois, a mesma Platajunta sustancia a súa demanda nos seguintes puntos: “un Goberno de consenso, legalización de todos os partidos e sindicatos, recoñecemento das liberdades de reunión, manifestación e expresión, amnistía total e liberdade para os presos políticos, estatutos de autonomía, un plano económico contra o paro e a inflación e eleccións para un Parlamento Constituínte que decida a forma de Estado”.

Como se pode apreciar, non se cumpriron as condicións.

Aí entran en xogo os espías do Seced (agora CNI), que relatan no seu boletín 188, que se pecha o 10 de novembro, de xeito moi diplomático, as súas xestións: “O Goberno Suárez está completando as súas xestións de cara a lograr a aprobación do proxecto de Lei de Reforma Política. Semella que a súa estratexia cos diversos grupos políticos con representación nas Cortes foi eficaz, podendo confiarse na súa aprobación”.

Tanto do director do Seced, o xeneral Casiniello, como o xefe do Sector Político, xeneral Peñaranda, contan como, naquel tempo, van repasando día a día as listas co ministro do Interior, Martín Villa, para dar conta de como van as súas xestións.

Segundo o xeneral Peñaranda, os seus homes “levaron o peso da operación ordenada polo presidente”, que lles encomendou a tarefa principal de convencer “coas súas artes de persuasión aos procuradores”. O traballo foi tan arduo “que non dábamos abasto”, afirma Peñaranda nas súas memorias. “Menos deitarnos con eles, fixemos de todo”, afirmaría Martín Villa.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar