Aldeas mortas

Somos, sen querelo, e ás veces sen sabelo, protagonistas de historias que parecen de fóra do espazo e do tempo. Unha destas noticias foi a publicación nun portal de internet da venda dunha aldea abandoada de Riotorto, recomendando a súa compra como agasallo de Nadal a actriz Gwineth Paltrow, que repetidamente ten manifestado a súa querencia polas terras hispanas.

Que desde as súas terras norteamericanas, unha actriz tan destacada recomende que unha aldea perdida nos vales de Riotorto sexa adquirida para regalar polo Nadal, remóntanos a tempos nos que a propiedade a ostentaba o señor feudal de turno.

E sen embargo esa é a realidade desde que as nosas aldeas se deron en despoboar a comezo dos anos sesenta, emigrando os labregos ás zonas industrais de España ou do estranxeiro, de Europa ou da América que fala en castelán e en galego.

E agora, os que nacemos de pais labregos e nos convertimos en urbanitas, ollamos ao arredor e vemos que o maior número de aldeas abandonadas en Galicia están na provincia de Lugo, especialmente no norte, sin que ningún concello se libre –nin siquiera a capital-, de que lle morra algunha aldea.

O peor panorama preséntao a terra dos meus ancestros por vía paterna, pois entre Muras e Ourol hai xa 214 nucleos mortos, e en Vilalba, na miña terra natal, hai 62 núcleos sen habitantes.

Os habitantes, fóronse antes ca as súas aldeas.Porque algúns, por razóns de idade, foron morrendo, e os demais ao emigrar fixeron verdade que “partir é morrer un pouco”, que escribíu un francés pero suscribiría calquera cronista da emigración. E foi morrer, porque perderon a súa memoria, a historia, os vencellos co pasado, deixando moi lonxe a súa orixe, esquecendo a sua procedencia. Enraizando en terras novas, aprendendo a vivir de forma diferente. E as vellas aldeas morren, agardando que un estranxeiro as merque para construir un rancho ao estilo americano.Que as nosas aldeas se queden soas, baleiras, mortas… os optimistas poden pensar que é un signo de novos tempos; pero para os racionais a morte das aldeas é sinal da morte dun xeito de vivir, sin que teñamos descuberto outro xeito satisfactorio de vivir en paz coa natureza e con nós mesmos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar