O Festival de Ourense pecha a súa 23ª edición con “éxito mediático, de público e crítica”

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo na rolda de prensa de balance da 23ª edición do Festival de Ourense (OUFF) que o certame “foi un éxito mediático, de público e crítica”, expresando que o festival “amosou nesta edición, unha das melloras das celebradas ata o de agora, a gran calidade das obras e da programación, situando a Ourense como capital do cinema”.

O presidente da Deputación de Ourense agradeceu “o gran traballo” realizado polos coordinadores artístico e técnico, Miguel Ángel Fernández e Aurelio Gómez Villar, e todo o equipo que integra o OUFF “nun festival que se fixo en sete semanas e que en 2019 dará un paso máis con actividades ao longo de todo o ano e que seguirá sendo unha firme aposta da Deputación de Ourense”.

 

Baltar remarcou a importancia deste evento e a das actividades ao seu redor no que suporá de promoción audiovisual para a provincia de Ourense cun catálogo de localizacións para rodaxes; coa nova película de Xabier Bermúdez, ou o protagonismo que Blanco Amor terá en 2019, coincidindo co 40º aniversario do seu pasamento coa reedición dos seus guións cinematográficos e ocupando espazo propio no vindeiro OUFF”

“No ano 2019 e seguintes, grazas ao incremento da achega económica e a loxística por parte do goberno provincial o festival terá aínda máis forza e máis entidade”, dixo Baltar subliñando que durante todo o ano, en diversas localidade da provincia no marco do Festival de Cine, “terá lugar o desenvolvemento de actividades relacionadas co sétimo arte como presentación de libros, exposicións fotográficas ou talleres, e tamén incluirá iniciativas dentro da “Ourense ICC Week”, o marco das industrias culturais e creativas, que desde hai seis anos organiza a Deputación de Ourense”.

O presidente do goberno provincial afirmou que este certame “foi un éxito de público e de crítica, e por riba de todo, recibiu o aplauso dos ourensáns; conectou coa veciñanza. É un gran proxecto da Deputación de Ourense e o Festival de Cine de Galicia”, e dixo que é “cuestión de tempo” que o Ourense Film Festival se posicione entre os “mellores festivais de cine de España”.

 

Público numeroso e implicado

 

Sobre os datos da 23ª edición, Miguel Anxo Fernández sinalou que 8.316 persoas pasaron polo festival, 6.249 persoas asistiron as salas os 5 días de proxeccións, e, delas, o 70% votaron as películas da Sección Oficial, o que significa, na súa opinión, que “Ourense quería este festival e que o público tiña gran implicación”. Ademais, as 10 longametraxes en competición foron valorados cunha nota media de 3,5 nunha escala do 0 ao 5. A película mellor valorada foi Capharnaum con 4,77 sobre 5.

Ademais, “case tódolos colectivos implicados no sector audiovisual pasaron polo festival”, unha cita que Fernández cualificou de “experimental” e que se puxo en marcha en tan só 7 semanas, cun equipo de unhas 20 persoas e un presuposto de 120.000 euros.

Tanto Fernández como Baltar coincidiron en que “ilusión” foi a palabra que mellor definiu os 7 días de festival, e con esa mesma ilusión avanzaron algunhas das novidades do OUFF 2019, cita que afrontan con “as expectativas máis optimistas”, en palabras do presidente da Deputación de Ourense.

 

Un OUFF 2019 para toda a provincia

 

A 24ª edición do Ourense Film Festival, que podería celebrarse a finais de setembro, expandirase ao resto da provincia; contará con México como país invitado; reforzará Fas Muvis, novidade desta edición na que varios equipos gravaron unha peza audiovisual en só 48 horas, con polo menos o dobre de participantes; entregará a Calpuria de Honra In Memoriam a Eloy Lozano, fundador do festival en 1995, con motivo do 20ª aniversario da súa único longametraxe; e creará un espazo propio para o escritor e guionista Eduardo Blanco Amor, do que se cumprirán 40 anos do seu pasamento, coa reedición dos seus guións.

A 23ª edición do OUFF foi posible coa organización e o patrocinio da Deputación de Ourense e o co-patrocinio de Xunta de Galicia, Concello de Ourense, ABANCA, GADIS e Fundación AISGE.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar