Xibraltar español e a pesca… británica

TranquilidadeE e optimismo. Esta sería a miña recomendación aos partidos españois polo contencioso con Xibraltar. Total levan 300 anos coa mesma trécola e non mudou nada nesa fronteira, máis ou menos real, máis ou menos imaxinaría, que se abre ou pecha segundo a cantidade de testosterona patriótica que acumulen os seus dirixentes ou as ansias que teñen en focalizar a atención no que puido ser é non é.

Pero nin a recomendación nin a receita son miñas.

“Tranquilidade e optimismo”, nin máis nin menos, é o que nos recomenda o vicepresidente galego, Afonso Rueda, ante o incerto futuro que lle agarda a nosa frota que pesca nas augas da Grande Bretaña.

E non é unha mala fórmula. Abofé que non. A min o que me amola e que non lla apliquen os do PP cando esbardallan e encirran un conflito coma o de Xibraltar, capaz de paralizar un tratado para que todo siga igual. E non é que ao PSOE lle falte patriotismo español de contrabando linense.

Cando Fraga Iribarne era o ‘León de Vilalba’, bradaba que “coas cousas de comer non se xoga” e pedía “falar dos garavanzos”.

Pois iso, señor Feixó e señor Rueda, falemos logo das cousas de comer, falemos da nosa frota pesqueira nas augas británicas.

Segundo as súas propias informacións, a nosa frota pesqueira ten un ano máis, até o 2020, para faenar nos caladoiros que nos son tradicionais e que deixaron de selo, entre outras cousas, coa entrada na CEE e a ampliación a 200 millas das augas xurisdicionais.

Unha etapa de transición poderíanos permitir faenar, segundo en que condicións, dous anos máis.

E se non se chega logo a un acordo, que pasará cos nosos barcos?, pregúntanse os armadores e mariñeiros.

Afonso Rueda responde: “Tranquilidade e optimismo, xa que temos un período máis amplo para negociar”.

Negociar o que? Negociar, sobre todo, quen?

Non son preguntas retóricas, senón moi cheas de sentido común e cavilacións cara o incerto futuro no que tanto nos xogamos.

Pois Galiza non só estivo totalmente ausente nas negociacións que levou a UE, composta por estados, non o esquezamos, co Reino Unido, senón que, en palabras do propio vicepresidente galego, “non tivemos información de primeira man durante todo o proceso de negociacións por iso non sabemos o impacto que pode ter o acordo para Galiza”.

Aínda así, como optimismo non lle falta ao noso político, considera que estas “negociacións van por bo camiño”.

E ir irán. O que hai que saber é cal é ese camiño, pois Afonso Rueda admite que non o sabe, pois afirma que non son unicamente os intereses galegos, senón que “hai moitos intereses en xogo en todos os países”.

Pero a Xunta tería que defender os nosos intereses… Ou non?

Afonso Eiré é xornalita e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar