Feijóo pide aos veciños que “en Galicia si hai un goberno que goberna”

O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou a estabilidade de Galicia fronte aos que gobernan baixo ás ordes de Podemos, nacionalistas e independentistas. É por iso polo que, para o líder do PPdeG, non hai goberno que goberne en España, xa que se atopa sometido a quen lle apoiou na moción de censura -e non aos intereses xerais dos españois-, “ao ditado de Podemos e en débeda permanente con nacionalistas e independentistas”.

Do mesmo xeito, Feijóo indicou que tampouco hai goberno naquelas comunidades nas que o socialismo se apoia neses mesmos socios e naqueles concellos onde o nacionalismo e o populismo son directa ou indirectamente quen pon ou quita alcaldes. Un feito que, tal e como dixo, o que provoca é parálise, división, confusión de prioridades e sectarismo.

Durante a súa intervención, destacou que “en Galicia si hai un goberno que goberna”, porque o Partido Popular pode desenvolver un proxecto, cada semana aproba iniciativas no Consello da Xunta e contribúe ao progreso da comunidade, cambiando os indicadores negativos por positivos, crecendo en infraestruturas, oportunidades e servizos e ofertando máis prestacións aos galegos. “E exercemos o noso deber cos veciños e non con ningún socio que só busca o seu propio interese partidista”, indicou o líder do PPdeG, quen apuntou que aos concellos da nosa comunidade e aos seus veciños venlle mellor un goberno como o de Galicia que un desgoberno como o de España.

 

DEFENSA DA CONSTITUCIÓN

Nos días previos ao 40 aniversario da Carta Magna, o líder dos populares galegos reiterou que “o Partido Popular está na defensa da Constitución, de principio a fin”. “É –engadiu- a defensa da unidade da nación, a igualdade de todos os españois e o Estado das Autonomías”.

Para Feijóo é o Partido Popular quen pon en valor o que nos une e non agranda as diferenzas e quen ten ademais unha idea global de España, pero tamén unha idea propia de Galicia. “Os galegos nunca eliximos entre Galicia e España. Non llo permitimos nunca aos que querían renunciar a España e non o imos facer tampouco a quen pretende que renunciemos a Galicia”, dixo.

A IMPORTANCIA DO PPDEG

O líder dos populares galegos aproveitou tamén para reivindicar o valor e a importancia do Partido Popular, por ser clave na transformación de Galicia, por saber conectar coa maioría dos galegos e por contribuír sempre ao progreso alí onde gobernou.

De cara as vindeiras eleccións municipais, Feijóo apelou á unidade e á ilusión para seguir traballando co listón máis alto, exercendo esta vocación de servizo con humildade, con coherencia, cos pés na terra, a carón dos veciños e sempre indo a favor: “A favor do concello, do progreso ou do benestar e non na contra dos outros como principal obxectivo”.

ESTEBAN GONZÁLEZ, CANDIDATO Á ALCALDÍA DE TOMIÑO

O líder dos populares galegos, que participou na presentación do candidato á Alcaldía de Tomiño, salientou que “ante os que gobernan só para unha minoría; ante os que se preocupan máis por pedir referendos de independencia, que non queren nin os galegos nin os tomiñeses; e ante os que hai tempo que xa non escoitan a quen precisamente deben servir e representar, eu digo Esteban González”.

Neste senso, salientou que o candidato combina xuventude e experiencia e que coñece ben as inquedanzas, reclamacións e necesidades do concello.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar