Os resutados de investimento, producción e audiencias apoian a xestión da CRTVG

Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia, compareceu hoxe ante a Comisión de Control da CRTVG do Parlamento galego, onde ofreceu cifras e datos que rebaten as acusacións de desmantelamento, precarización laboral e manipulación nos medios públicos e abondou nos resultados da nova estratexia de xestión integral dos contidos culturais, refrendada polos datos de audiencia.

Respecto das acusacións de desmantelamento do servizo público, o director xeral rebateu lembrando que “a CRTVG acaba de investir máis de 15 millóns de euros en nova dotación tecnolóxica e na formación do seu persoal, que acabamos de pechar un acordo con AMTEGA este ano para, entre outras cousas, o desenvolvemento dunha plataforma que será peza chave do futuro da Corporación por un valor de 2,6 millóns de euros, ou que o 97% dos contidos que se emiten son creados en Galicia e por galegos, o que demostra a aposta polo sector audiovisual galego”.

Así mesmo, ofreceu o dato de produción propia da CRTVG, que actualmente é o 52%, por riba do establecido no Mandato Marco aprobado polo Parlamento. Neste senso, e respondendo ás demandas sindicais de aumentar substancialmente a produción propia, Sánchez Izquierdo salientou que a CRTVG acaba de poñer sobre a mesa de negociación coa parte social un importante incremento de produción propia.

No eido laboral, Sánchez Izquierdo indicou que a CRTVG viviu o maior proceso transformador dos seus 33 anos de historia e o fixo “sen prescindir de ningún traballador/a, aínda cando o seu posto de traballo desaparecía”. Tamén, que “o custo do persoal da CRTVG no orzamento aprobado para 2019 ascende a 51 millóns e medio de euros, é dicir, o 47% dos recursos financeiros da CRTVG, e a fenda salarial entre o que máis cobra e o que menos é de 1 a 4”.

APOSTA CULTURAL

Ante as acusacións recorrentes de desmantelamento da cultura nos medios públicos, o director xeral espuxo tamén os datos que refrendan o acerto do redeseño da oferta cultural, que en setembro foi englobada no Proxecto #Cultura365. Así, por exemplo, “o programa ‘Zig Zag’, que ampliou a súa oferta á fin de semana, acadou no mes de outubro o liderado na súa faixa horaria, e pola primeira canle da TVG”.

Ese redeseño implicou medidas como unha coordinación integral dos contidos culturais para radio, televisión e soportes dixitais, unha nova canle dixital que xa está pleno rendemento, ou a aposta pola Radio Galega Música, que aumentou un 67% a súa difusión con respecto a hai un ano. “Ampliouse o programa de TVG ‘Zigzag’ e o ‘Diario Cultural’ na Radio Galega estendeuse á fin de semana, e foi potenciado o equipo de colaboradores nun exercicio de independencia e pluralidade”, dixo o director.

O proxecto #Cultura365 está a ter o apoio da audiencia: segundo datos do EXM feito público onte día 29, o ‘Diario Cultural’ chega a case 45.000 oíntes diarios de luns a venres e 100.000 na fin de semana, con catro edicións diarias de luns a venres e tres na fin de semana. “Este programa, que na última onda do EXM do mes de xuño alcanzaba os 3.000 oíntes, é seguido agora por 35.000 persoas ás 10:30 horas da mañá; 4.000 ás 14:45; 4.000 ás 17:30 e 1.000 pola noite”, salientou. E as fins de semana, seguiu, “ás 09:30 da mañá do sábado chega a 73.000 persoas, e a 17.000 o domingo. A edición de contidos alternativos das 14:15 do mediodía dos domingos é seguida por 19.000 persoas, é dicir, en total o ‘Diario Cultural’ na programación cultural da Radio Galega chega a 100.000 persoas na fin de semana”.

Seguiu Sánchez Izquierdo indicando que “estas cifras non significan que antes se fixeran as cousas moi mal e agora moi ben. O que significa é que a faixa das 3 da tarde retraía o enorme potencial que sabiamos que tiña o ‘Diario Cultural’, e que para potenciar a programación cultural había que empezar por poñela en horarios de máxima audiencia, que foi o que se fixo, e o resultado é algo do que todos debemos sentirnos partícipes e orgullosos”.

Destacou que con este proxecto son máis de 350 as voces invitados, homes e mulleres, que se puideron escoitar nos medios públicos de Galicia en tan só dous meses falando de cultura. 350 entrevistas repartidas entre o programa “Zigzag” e o “Diario Cultural”.

En resumo, sinalou o director xeral, “coa nova temporada aumentaron os espazos de cultura e a súa frecuencia, aumentou o equipo de profesionais que manteñen a independencia editorial dos espazos, aumentou o equipo de colaboradores con sinaturas de extraordinario prestixio”.
Finalmente, Izquierdo redundou no desmentido arredor dos dous grandes bulos nos últimos meses sobre os servizos informativos da CRTVG: o tempo de cobertura dedicado presuntamente pola CRTVG á sentenza da trama Gürtel (os 40 segundos), e a presunta ocultación das imaxes da Praza do Obradoiro durante unha manifestación en contra da mina de Touro en Santiago.

Sinalou que, ante a pegada que estaban a deixar esas falsidades que se estaban a verter sobre a CRTVG, “vímonos na obriga de emprender accións legais contra os medios que seguían a difundir esas noticias falsas. As tres esixencias de rectificación demandadas pola CRTVG tiveron que ser atendidas legalmente polos medios que foron requiridos para iso”.

Destacou tamén a pluralidade de opinións nos colaboradores da TVG con máis de 100 voces autorizadas de homes e mulleres que cada día fan as súas achegas nos micrófonos da CRTVG, voces como as de Fernando Ónega, María Cadaval, Javier Casqueiro, Ana Luisa Bouza, Ricardo F. Colmenero, Yolanda Galanes, Ángel Carracedo ou Jorge Mira entre moitos outros.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar