Ourense:Baltar visita o Colexio “Divina Pastora”

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou o colexio Divina Pastora–Franciscanas de Ourense, dentro das actividades que se están a desenvolver no marco da 6ª Semana Escolar da Provincia, que organiza a Deputación de Ourense. No seu percorrido, o presidente do goberno provincial visitou as instalacións e mantivo un encontro con alumnos e profesores que están a traballar co material didáctico desta edición da Semana Escolar, cuxa temática trata sobre a presenza sueva na Gallaecia. Entre o material co que contan os máis de 8.800 alumnos de ESO e 6º de Primaria e profesores, de 63 centros educativos da provincia que participan na Semana Escolar, figura o libro-manual Crónica do Regnum Sueborum, escrito por Xosé A. Perozo e ilustrado por Ana Costas.

Baltar afirma que a temática deste ano “ofrece aos máis novos unha perspectiva didáctica sobre o reino suevo”, destacando a importancia que tivo a exposición In Tempore Sueborum, “o fito cultural máis importante da nosa provincia”, e remarcando que a Semana Escolar “é un instrumento de formación e divulgación da historia da provincia de Ourense, que nos permite seguir afondando no coñecemento do noso territorio”.

Nesta edición, ademais do libro, elaborouse un programa con propostas de traballo e editouse unha guía do profesorado con pautas para empregar o manual, no que traballan alumnos e docentes. As actividades da Semana Escolar continúan mañá venres, día no que os colexios realizarán actos relacionados cos traballos que fixeron ao longo da semana; o sábado, 1 de decembro, terá lugar a xornada de portas abertas no Pazo Provincial, en horario de 11.00 ás 14.00 horas, e finalmente, o 5 de decembro, alumnos do colexio Maristas de Ourense visitarán o Pazo Provincial e celebrarán un pleno infantil relacionado coa temática da Semana Escolar.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar