No perfil das verbas

Quero chamar a atención sobre o título do libro que vean de publicar Baldomero Iglesias Dobarrio-Mero, que temos presentado en Santiago, Vilalba, e hoxe presentamos no Vello Cárcere de Lugo, ás sete da tarde: “No perfil das verbas”, poético título co que un poeta bautiza o seu rotundo libro, que todos os seus títulos chaman a atención e fan pensar cando o lector se enfronta a “Na lonxitude do tempo”, “Recendos de luz e sombra”, “No papel que mudo escoita” ou o máis recente de “Doce ducias”.(Que os vilalbeses somos – ou eramos – máis de contar por medidas galegas -leguas, papados, cuartas ou ducias- que polo Sistema Métrico Decimal).

O prologuista do libro, Alfonso Blanco Torrado, lembra o final do último libro publicado, DOCE DUCIAS, no que o autor escribe:”Tampouco hai porque contalo todo. / Algo terá que quedar, remoendo alá no fondo, / onde só cada quen é amo, señor e dono!”. Pois parece nacer este libro, precisamente, do remoer poético no fondo, e por iso recolle boa parte dese libro anterior, e numerosos poemas novos, tendo como Norte ( e os outros tres puntos cardinais) a Vilalba onde veu a luz, e a Terra Chá que o emocionou e conquistou desde a nenez.

María Guerrero ilustra o libro con fermosos e sinxelos trazos, por veces con querencia infantil, sempre firmes e acertados, sempre garimosos e precisos, que fan deste libro unha xoia literaria e artística, apta para todos os públicos sensibles e á medida de cada lector.

A edición, dirixida por Alfonso Blanco Torrado, está a cargo da Asociación Cultural Xermolos-Irmandade Manuel María, de Guitiriz da Terra Cha, entidade que conforma unha rella cultural que leva adiante cada ano ducias de proxectos relacionados coa Chaira e as súas xentes, tendo como norte a devoción polos escritores Manuel Maria e Xosé Maria Díaz Castro.

Nesto da poesía, Mero é un reincidente. 5 libros e un feixe de premios literarios, importantes, dos grandes, en Vilalba (estes, para os chairegos, son os máis grandes), Begonte, Viveiro… en todo o noso mundo.

Mero é universalmente coñecido –falo do noso universo mundo- como músico, compositor e intérprete, como fundador de Fuxan os Ventos e A Quenlla, e Galicia canta ao neno, e cando chegou á madurez demostrou ser tamén maior de idade na escrita, na poesía, que pode ter menos devotos ca a música, pero os que somos devotos sómolo de xeito consciente, e cando atopamos poetas coma Mero comprobamos que “No perfil das verbas de Mero” está o seu corazón.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar