Ioga termal nas Burgas de Ourense

 

A Concellería de Termalismo do Concello de Ourense organiza, durante o mes de decembro, a actividade “Ioga termal nas Burgas”. Cada sábado, de 11 a 12:30 horas, as persoas que o desexen terán a oportunidade de gozar da excepcional experiencia de facer uso das augas termais ao tempo que practican esta tradicional actividade, clave para o benestar físico e mental. A actividade é gratuíta e poderán participar persoas adultas, así como nenas e nenos a partir de 7 anos de idade, que poidan facer uso das termas. Non é precisa inscrición previa. Para participar é preciso acudir con traxe de baño, toalla e chanclas, e respectar as normas da instalación.

A actividade retómase despois do éxito acadado o pasado Nadal, cando foron numerosas as persoas se achegaron ás Burgas para participar nesta experiencia de relaxación, que persegue liberar tensión no corpo e na mente. Durante hora e media os músculos descárganse, desenvólvese a respiración e o sistema nervioso equilíbrase

As sesións utilizarán o tecnicamente denominado “Método Wellness” desenvolvido especificamente para espazos termais. Formúlase a partir dunha mestura entre técnicas de ioga e termalismo, que crea unha sinerxia de beneficios para as persoas usuarias. Está enfocado como unha actividade realizada en grupo cuxo obxectivo principal é aumentar o benestar integral como garantía de calidade de vida.

A actividade consiste en mobilizar o corpo e estirar os músculos para eliminar tensións, mellorar a flexibilidade e conseguir que todo o corpo se atope mellor de xeito instantáneo, grazas tamén aos beneficiosos efectos das augas termais en articulacións, osos, músculos e pel. O Método tamén inclúe exercicios de respiración que amplían a capacidade pulmonar mellorando a osixenación. Finalmente, desenvólvense técnicas de concentración e relaxación para calmar a actividade mental, combater o estrés, equilibrar o sistema nervioso e crear un espazo de paz interior

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar