O alcalde de Ourense demanda un compromiso coas obras na cidade

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, ven de reiterarlle por carta ao ministro de Fomento, José Luis Ábalos, unha reunión urxente para solucionar a paralización da construción do tramo da Variante Norte (Eirasvedras-Quintela) e instoulle a aprobar o proxecto coa maior urxencia posible, co obxectivo de licitar a obra antes de que remate o ano 2018.

É a terceira vez en menos de dous meses que o rexedor manifesta a necesidade e a urxencia dun cara a cara co máximo responsable de Fomento, co obxectivo de impulsar o inicio das obras desta infraestrutura fundamental para o desenvolvemento do Bulevar Termal e para a posta en valor das marxes do río Miño.

Vázquez Abad sinala que o día no que o ministro de Fomento compareceu no Senado para manter o seu compromiso coas obras previstas en Galicia, “non se debería esquecer que a Variante Norte quedou lista para a súa licitación co anterior Goberno, sen que de momento saibamos nada ao respecto”.

O rexedor ourensán convida ademáis ao PSOE e a En Marea a que “utilicen a súa representación parlamentaria en Madrid para reclamar o que é de xustiza para Ourense. Agora que gobernan e sosteñen o Goberno de Pedro Sánchez, non é o momento de mirar para outro lado coas demandas que temos desde a cidade”.

A misiva a Ábalos, remitida hoxe mesmo, súmase a unha primeira comunicación ao Ministerio de Fomento, realizada a finais de setembro, e a outra de mediados de novembro. Todas insisten na necesidade deste encontro para aclarar o inicio dunhas obras que contaban co beneplácito do anterior Goberno do Estado.

No seu escrito, o alcalde de Ourense insta a José Luis Ábalos a “tomar decisións políticas firmes para activar a finalización dos trámites” que impiden a inmediata posta en marcha desta obra e “que se dilatan inexplicablemente no tempo”. Precisamente, na xornada en que o ministro de Fomento compareceu na Cámara Alta a petición propia para informar acerca das liñas políticas xerais do seu departamento, e onde Ábalos comprometeuse a manter as obras comprometidas en Galicia, sobre todo no eido da Alta Velocidade, “é o momento de que se pronuncie tamén respecto á Variante Norte, unha obra á que non temos pensado renunciar en Ourense”, sinala Vázquez Abad.

Ademais, recórdalle ao ministro de Fomento que o seu antecesor no cargo, o popular Íñigo de la Serna, manifestara en maio de 2018 que o proxecto de construción estaría finalizado no mes de xuño e que, a partir dese momento, entrábase na fase de supervisión do mesmo, que sería prioritaria nas licitacións do 2018.

“Pese ao compromiso, avalado pola Dirección General de Carreteras, e estando a fines de novembro non consta que o Ministerio de Fomento anunciase a aprobación do proxecto de construción”, sinala o texto remitido dende o Concello.

Problema prioritario: Biblioteca, Arquivo e Museo Arqueolóxico

O rexedor tamén vén de remitir unha carta ao ministro de Cultura e Deporte, José Guirao Cabrera, para volver manifestarlle a súa “preocupación polo retraso na solución de dous temas prioritarios para a cidade”: a nova Biblioteca de Ourense e a posta en marcha das obras de rehabilitación do Museo Arqueolóxico.

No seu escrito, Vázquez Abad solicita ao máximo responsable de Cultura un “empuxe definitivo e unha pronta resposta” á situación das dúas infraestruturas culturais da cidade.

No caso da Biblioteca Pública de Ourense recórdalle que a súa apertura sigue pendente de que o Goberno central dote as instalacións de mobiliario. Trátase do último paso previo necesario antes de que a Xunta poida tomar posesión das dependencias e de que se abran as portas aos cidadáns, xa que o resto das obras xa están rematadas.

Vázquez Abad tamén expresou ao ministro Guirao Cabrera a súa preocupación porque non se teñan licitado as obras de rehabilitación integral do Museo Arquelóxico, logo de que en setembro o Concello concedese a licenza de obra ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte para o proxecto básico e de execución da rehabilitación arquitectónica do Arqueolóxico co obxectivo da súa inmediata licitación por parte do Estado, tendo en conta que a obra conta con 400.000 euros nos orzamentos do Estado para a súa posta en marcha.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar