Por un rural vivo

Quédense con este nome: The Navigator Company. Así se denomina unha das maiores pasteiras do mundo, instalada en Portugal.

Esta semana anunciou que ía pór a andar unha base no noso país para realizar plantacións de eucaliptos. Anuncio que xa viñera realizando noutras ocasión e que, agora, fai oficial.

A decisión tómaa, segundo a antiga Portucel, a vista das restricións que a nova lei forestal portuguesa lle impón a plantación desta especie pirófila vida de Australia.

Ao día seguinte do anuncio, o Parlamento Galego rexeitaba a toma en consideración dunha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) que tiña como un dos seus principais obxectivos a curto prazo lograr unha moratoria na plantación de eucaliptos.

PP e PSOE nin sequera quixeron debater a iniciativa ambiental máis apoiada en Galiza, presentada por 60 colectivos e amparada por máis de 42.000 cidadáns.

O PP votou en contra. O PSOE abstívose. Que máis ten, tanto dá.

Os argumentos foron semellantes: que xa avanzaran nos aspectos presentados pola ILP na comisión creada no Parlamento logo das vagas dos incendios do ano 2017.

Conclusión que ambos partidos estatais pactaron entre eles pois, segundo semella, teñen o mesmo modelo non só para o monte galego, senón para o noso rural.

E dicir que teñen o mesmo modelo é tanto como afirmar que coinciden a hora de defender os mesmos intereses. No fondo, a mesma idea de Galiza.

Esta ILP entraba en contradición cos intereses de Celulosas de Pontevedra e, tamén, de The Navigator Company. Igualmente, todo hai que dicilo, de certos grupos de presión autóctonos, con claros intereses no tecido na plantación e comercialización de especies de crecemento rápido. Entre eles, atópanse algunhas organizacións agrarias.

Non se trata de demonizar a unhas especies arbóreas. Non son malas per se, senón “a segundo é como”. Por exemplo, non podemos ir ao monocultivo do eucalipto, unha especie que esquilma as terras boas e favorece os incendios. Necesítase, xa que logo, realizar unha ordenación do medio rural no seu conxunto.

Os dous terzos do territorio galego están hoxe a monte. Unha boa parte son terras moi produtivas. O Plan Forestal aprobado no 1994, cunha vixencia de 40 anos, propuña como máximo unha extensión de plantación de eucaliptos de 245.000 hectáreas. Aínda faltan 14 anos para que remate a súa vixencia e as plantacións desta árbore xa superan as 500.000 hectáreas.

Esta ILP pretendía a “protección e mellora do hábitat do bosque autóctono, a racionalización da xestión do monte e a loita contra os incendios forestais”.

Medidas cun fin último: “devolverlle a dignidade ao rural”.

Un rural que algúns denigran, porque se avergoñan de quen son.

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar