O socialista Caballero declara que o PP “está facendo agonizar” a actividade parlamentaria

 

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, esixiu ao presidente da Xunta que “rectifique” a súa postura con respecto á comisión de investigación sobre os recortes na sanidade pública porque “o Parlamento non é o seu sofá” ou un lugar pensado para a súa comodidade, senón o lugar onde ten que ser escoitada a voz da cidadanía.

“Feijóo ten que rectificar”, incidiu o líder dos socialistas galegos, quen reprobou que o presidente pretenda “deixar entrar” na Cámara “só a quen comparece para dicir o que el quere” e non a aqueles que teñen “outro punto de vista” ou “non responden aos ditados do PP”.

Sobre todo, como dixo Gonzalo Caballero, porque “está facendo agonizar” a vida parlamentaria ao negar á institución na que reside a soberanía popular “a capacidade de investigación” sobre unha cuestión tan importante como “os efectos dos recortes” na sanidade pública.

“Aplicando o rodillo parlamentario acaba facendo que o Parlamento perda forza e desconecte das necesidades da sociedade galega”, denunciou o secretario xeral do PSdeG, quen rexeitou “unha comisión feita á carta dos intereses do PP” e non dos cidadáns e das cidadás desta comunidade, que queren un servizo público de calidade.

De non producirse unha rectificación, Gonzalo Caballero advertiu de que “unha comisión aniquilada” á que “só acudirán aqueles que conveñen ao PP” non terá a capacidade de profundar nos motivos polos que hoxe a sanidade pública galega está “á cola” dos sistemas médicos de España atendendo á valoración dos seus usuarios. “Porque hai menos persoal, e máis precario, menos camas e menos dereitos”, concluíu.

 

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar