Mulleres do PP respostan “a manada” do BNG

As mulleres do PPdeG esixiron á voceira do BNG, Ana Pontón, unha desculpa por vincular ao Partido Popular coa “Manada”. Así, nunha rolda de prensa, Marta Rodríguez Arias e Susana López Abella, acompañadas doutros cargos do partido, deron resposta ás declaracións da deputada nacionalista no Parlamento, lamentando que colocara ao PP do lado dos que son tolerantes ou condescendentes coa violencia de xénero e usando esta lacra cunha intencionalidade electoral como xa fixo o Bloque hai un ano.

“O PPdeG representa ao 48% dos galegos. A Xunta, ao 100% dos cidadáns. Polo tanto non hai lugar para dicirlle ao presidente de ambas institucións que as persoas ás que representa e as súas políticas son tolerantes ou cómplices con prácticas que a todos nos repugnan”, dixo Marta Rodríguez Arias.

Logo de sinalar que o seu partido non está disposto a tolerar insinuacións desta natureza, preguntouse se Ana Pontón “é tan machista que cre que as que traballan ou votan ao PP están e estamos cegas, ou que somos vítimas dunha especie de Síndrome de Estocolmo que nos permite estar cómodas nun partido que deixa de lado as mulleres”, xa que coas súas palabras “vincula ao PP, á Xunta, ao seu presidente pero, tamén, as mulleres deste partido coa Manada”.

“O mércores fixouse un antes e un despois na nosa consideración de Ana Pontón e do BNG. Podemos aguantar case calquera insulto por parte dun político, pero calar cando nos acusan case de mirar cara a outro lado cando hai mulleres sufrindo e morrendo a mans das súas parellas, non”, subliñou.

Ademais, indicou que manifestacións como estas fixeron que os galegos e as galegas sacaran ao BNG do Congreso dos Deputados: “Como non están no Congreso non puideron participar no Pacto estatal contra a Violencia de Género e parece que prefiren buscar a súa cota de pantalla perdida nas Cortes Xerais insultando as mulleres do PPdeG, as mesmas mulleres ás que dentro de moi pouco irán a pedirlles o voto”, manifestou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar