Dia internacional contra a violencia de xénero

A Deputación de Ourense únese, xunto a outras institucións, á celebración dos actos conmemorativos polo Día Internacional contra a violencia de xénero, cun evento celebrado no centro cultural “Marcos Valcárcel” no que participaron as deputadas provinciais de Transparencia e Benestar, Montserrat Lama e Teresa Cerdeira, xunto a 50 alumnos de 6º de Primaria do colexio San José-Josefinas.

Teresa Cerdeira lembrou que o día 25 de novembro, conmemórase o Día Internacional contra a violencia de xénero, que ten como obxectivo “denunciar a violencia que se exerce sobre as mulleres en todo o mundo, e reclamar políticas en tódolos países para a súa erradicación” e engadiu que a pesar de terse producido “avances neste eido” é necesario que se leve unha “actuación unitaria de tódalas forzas políticas e da cidadanía no seu conxunto”. Asemade, a deputada de Benestar propuxo “un reforzo no currículo educativo con contidos como os valores, en especial no que atinxe ao respecto cos demais”.

 

A deputada provincial de Transparencia explicou na súa intervención a importancia de celebrar actos deste tipo que “contribúen a loitar contra esta lacra erradicada na sociedade actual e a dar voz aos máis cativos, ao futuro, para que educando en valores, consigamos que algún día deixen de celebrarse este tipo de actos”. Así mesmo, Montserrat Lama lembrou que no que vai de ano “xa son 44 as mulleres  e 3 nenos que perderon a súa vida, vítimas da violencia machista. Polo que, as institucións e a sociedade en xeral, temos o deber de loitar para acabar con esta situación e lograr que reduzamos esa cifra a cero”.

Os grandes protagonistas do acto foron os alumnos que participaron coa lectura dun manifesto para reivindicar “valores que son clave para a construción dun mundo mellor, do mundo co que soñamos no que non exista a violencia de xénero”. No seu discurso escoitáronse 7 palabras que, segundo eles, son fundamentais para combater este problema social que nos atinxe a todos. “Respecto, empatía, educación, concienciación, prevención, seguridade e protección”, foron as sete verbas que o alumnado destacou no seu discurso e que foron colgando no lazo morado, que simboliza o Día Internacional contra a violencia de xénero.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar