Ana Pontón a Feijóo: “Deixe de esconderse detrás das mulleres”

A portavoz nacional, Ana Pontón, amosou a súa sorpresa pola rolda de prensa ofrecida pola secretaria xeral de Igualdade, tras o debate sobre violencia de xénero da última sesión de control, na que a líder do BNG denunciou que a manada non son cinco senón un sistema que consinte e tolera a violencia contra as mulleres.

“Estou sorprendida de que o presidente da Xunta dea instrucións á secretaria xeral de Igualdade para que monte unha rolda de prensa en defensa do macho-alfa Feijóo”, replicou Pontón, quen instou ao xefe do Executivo a preocuparse menos de si mesmo e a implicarse na loita contra a violencia de xénero. “Creo que o que ten que facer é preocuparse por defender os dereitos das mulleres, traballar para combater a violencia machista. Esa debería ser a prioridade da Xunta, da secretaria de Igualdade e do presidente”, recalcou.

Neste sentido, Pontón pediu ao presidente do PPdeG que deixe de agocharse detrás das mulleres: “O que me sorprende é que Feixóo se esconda detrás das mulleres en lugar de defender os dereitos das mulleres, cando o que nos ten que preocupar neste momento e o grave problema que hai de violencia de xénero”, recalcou.

Pontón insistiu na mesma denuncia que fixera na sesión de control. “Repito, a manada non son cinco, hai manadas nas institución, hai manadas na política e hai manadas na xustiza”, reafirmou, poñendo como exemplo a última sentenza do mesmo tribunal que xulgou o caso da manada, na que se despacha cunha condena de dez meses de cadea o intento de acoitelar e estrangular a unha muller por parte da súa parella, alegando que era un feito puntual.

“Insisto, hai moitas manadas, hai manadas na política, nas institucións e na xustiza que están amparando a violencia contras as mulleres, e se a alguén lle molesta esta reflexión, insisto, creo que ten unha importante reflexión que facer, individual e colectivamente”, concluíu.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar