O alcalde de Ourense defende ante a FEMP as novas tecnoloxias dos gobernos locais

 

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, confirmou hoxe en Madrid que os Concellos e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) están a traballar na “implantación de actuacións, planes e programas que transformen os gobernos locais nuns gobernos máis transparentes, abertos e cada día máis modernos, grazas ás novas aplicacións e solucións tecnolóxicas que nos permiten, a golpe de clic, dispoñer cada vez dun maior número de servizos”.

Así o dixo na inauguración da xornada “A importancia da participación cidadá na transformación dos nosos pobos e cidades”, que está a ter lugar na sede da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), e que ten como obxectivo presentar o novo Regulamento Orgánico tipo de Participación Cidadá realizado por esta entidade.

Vázquez felicitou á Comisión de Modernización, Participación Cidadá e Calidade da FEMP por esta norma que é froito de máis dun ano de traballo e coa que se pretenden mellorar as políticas de transparencia, participación e colaboración cidadá das administracións públicas e dos gobernos locais.

O texto tamén conta cun segundo eixe: tratar de facilitar á cidadanía o exercicio do dereito de acceso á información e a súa participación na toma de decisións, deseño e  na avaliación dos servizos públicos.

Neste sentido, o rexedor ourensán explicou que “o desenvolvemento dos orzamentos participativos; os diferentes consellos sectoriais; ou os foros cidadáns son distintos medios de participación recollidos no Regulamento Orgánico Tipo que hoxe presentamos e que se atopa a disposición na páxina web da FEMP”.

O alcalde de Ourense reivindicou que os concellos deben ser capaces de “dar resposta ás xeracións máis reivindicativas” nun momento no que a cidadanía “síntese protagonista na construción do seu futuro máis inmediato, o seu barrio ou o entorno onde xogan os seus fillos” e no que a nosa sociedade está inmersa na revolución das tecnoloxías.

Pero Vázquez Abad tamén fixo un chamamento para aproveitar este desexo da cidadanía de ter un papel más activo na construción da nosa sociedade para darlle a entender a “complexidade” que comporta a toma de decisións.

A actividade convocada pola FEMP continuará ao longo de toda a xornada. Ademais da presentación do novo Regulamento Orgánico Tipo de Participación Cidadá, daranse a coñecer experiencias prácticas en materia de participación cidadá nos concellos de Madrid, Alcobendas e Vitoria, e analizarase a chamada participación 3.0 (a través de aplicacións móbiles). A xornada pecharase cun relatorio sobre o pasado, presente e futuro da participación.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar