Bonhomía

Nestes tempos difíciles a fe flaquea, porque o material lle gañou terreo ao espiritual, pero este problema aféctanos aos maiores, que temos a obriga ineludible de que os nenos conserven unha fe cega en crenzas ou seres que avivan a ilusión infantil que hai que procurar retrase o máximo a súa partida.

Os nosos nenos cren no ratiño Pérez, que gratifica as perdas dos primeiros dentes; Papa Noel, que desde hai tempo lle deu por visitar Galicia, pero de xeito especial nos Reis Magos, aos que podemos ver e tocar nas Cabalgatas que os concellos organizan.

Pois para que os nenos sigan a crer en Papá Noel e nos Reis Magos, en Lugo naceu hai catro anos, creada por tres rapazas, a asociación “Bonhomía”, que pretende que ningún neno quede sen un xoguete o próximo Nadal, e andan a buscar 600 persoas para que fagan realidade –con 30 € cada un- o soño dun neno que nin seus pais, nin Papá Noel nin os Reis Magos, poden cumprir.

Os nenos das asociacións que participan nesta iniciativa xa empezaron a escribir as súas cartas nas que piden o xoguete da súa ilusión, e os que respondan á chamada de “Bonhomía” –bos homes, boas mulleres, boas nenas e bos nenos- convertiranse cada un no brazo executor que leve ilusión, eso que tanto nos fai falla a todos, pero especialmente aos nenos, a seiscentos pequenos lucenses nas próximas festas.

Nestes tempos nos que nos abruman con quen vai pagar o imposto sobre as hipotecas; se o Goberno vai conseguir aprobar os orzamentos para 2019; se morren emigrantes a cotío ao tentar cruzar pola noite sobre un plástico o Estreito de Xibraltar, ou se o exComisario Villarejo se aproveitou de incautos grabando as súas vergoñas nun soporte de audio como os que na radio utilizamos para cumprir co noso deber, que haxa iniciativas de xente boa, de boa fe, que pretenden que os nenos poidan tamén sorrir polo Nadal, reconforta, aínda que sexa un parche mínimo no monumental pandeiro desfeito no que se está a convertir esa sociedade.

E fainos pensar que o mundo está rematadamente tolo, pero aínda quedan persoas que manteñen viva dentro unha pequena chama, unha pequeniña luz, que por chamarlle dalgunha maneira para identificala, denominan “bonhomía”.

Boa xente que, dando ilusión, reforzan e engrandecen a súa propia ilusión.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar