As termitas loitadoras

O carunco, o dentón, o cornizó e a carcoma son o mesmo, destrúen todo canto poden e canto comen, fan doer a cabeza daqueles que queren e coidan a madeira sen vermes, sen furados e sen po cada vez que se move a cama. Catro palabras para dar nome a un insecto dos coleópteros que produce desasosego, intranquilidade e desacougo despois de roer todo o que roe. Tamén lle chaman corta, couza, rela, traza ou trilla. Como queira que lle chamen, é unha ruína, unha praga que vai sen parar facendo mal, de mal en mal.

E, as termitas? Estas son insectos sociais, organizadas en colonias multitudinarias, con miles de millóns de individuos capaces de destruír o que pillan por diante. Pasan sen permiso e sen avisar e chegan ata o final, ata mesmo o final do banco, da táboa do piso, do moble da avoa ou da caixa de taracea granadina. Vai tradeando e marcando o paso para deixar unicamente o rastro, a desfeita e a nada.

Os expertos din que as termitas constrúen túneles de barro para chegar a infectar vivendas enteiras. Unha verdadeira praga que camiña e que se estende en silencio. O caruncho é outra praga tamén silenciosa, pero non constrúe túneles, aséntase na mesma madeira da que se alimenta e á que desfai sen parar ata convertela nunha poeira.

Nestes días, os medios de comunicación deron conta dunha investigación que deixou coa boca aberta a moitos. Un equipo internacional de científicos, entre eles os profesores Roy Funch e Stephen Martin das universidades Estatal de Feira de Santana (Brasil) e de Salford (Reino Unido), respectivamente, veñen de publicar na revista Current Biology un traballo sobre o descubrimento dunha extensa rede de montículos de termitas no noroeste de Brasil, sobre unha área de superficie superior aos 230.000 quilómetros cadrados, como sete ou oito veces a superficie de Galicia. Estes montículos, perfectamente ordenados e conectados entre si por túneles subterráneos, teñen unha antigüidade que calculan nos catro mil anos.

As termitas, todas da mesma especie e igual de traballadoras, para acceder ao seu alimento favorito, as follas caídas do bosque, construíron os túneles con persistencia e paso a paso. Segundo os investigadores o solo que minaron equivale a catro mil grades pirámides de Guiza. As termitas loitadoras destrúen a madeira, pero dan exemplo.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar