Santiago:A viola navarra Isabel Villanueva tocará coa Real Filharmonía

A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes novos. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de recoñecido prestixio internacional. A vindeira semana contarase coa presenza da viola navarra Isabel Villanueva, que formará tanto aos estudantes da escola como a alumnos externos. Ademais, tocará coa Real Filharmonía de Galicia, o 28 de novembro en Vigo e o 29 en Santiago.

 

As clases celebraranse o venres 30 de novembro, de 10:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16:00 a 19:00 horas pola tarde; e o sábado 1 de decembro, de 9:00 a 12:00 horas. Os músicos que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola –www.eaem.es-. Os aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música.

 

Imparte clases no Reino Unido, Líbano, Irán e China

 

Isabel Villanueva é, con tan só 30 anos, unha das violas máis destacadas da súa xeración no eido internacional. Traballa por difundir a viola como instrumento con voz propia. Ten ofrecido numerosos concertos en Europa, Asia, Oriente Medio e Rusia. No ano 2013 converteuse no primeiro viola estranxeiro en dar un recital en Irán.

 

Os seus concertos teñen sido retransmitidos por radios e televisións de España, Eslovenia, Estonia, Hungría, Líbano, Rusia ou Suíza. Resultou gañadora en numerosos certames internacionais, entre eles en San Petesburgo, República Checa e Moscova. En 2014 foi galardoada co “Prix Albert Lullin” de Xenebra ao instrumentista máis destacado do ano. E en 2015 recibiu o “Premio Ojo Crítico” de Música Clásica de RNE.

 

En 2015 concedéuselle o recoñecemento institucional “Marca España” e foi elixida “embaixadora mundial do talento español” por Clear Channel. É convidada con regularidade a impartir clases maxistrais de viola en centros do Reino Unido, Líbano, Irán, China, ademais de en conservatorios españois. Toca unha viola do ano 1670.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar