OUFF En Curto estréase coas mellores curtametraxes galegas

Unha das novidades que presenta a 23ª edición do Festival Internacional de Cine de Ourense é a sección de OUFF En Curto. Trátase dun concurso dirixido a creadores galegos que pretende fomentar este formato como expresión da creación audiovisual.

Un total de 24 curtas foron seleccionadas entre as que se presentaron, todas elas feitas en Galicia ou dirixidas por persoas galegas e estreadas a partir do ano 2017. Miguel Grandío, un dos coordinadores do OUFF En Curto, destaca que “as seleccionadas teñen un gran nivel e todas as propostas que se presentaron eran moi innovadoras. Está claro que hai futuro no audiovisual galego”.

As proxeccións de OUFF En Curto, que terán lugar no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, serán totalmente gratuítas. Haberá tres bloques, dous con curtas de ficción e un de tipo documental-experimental. As películas iranse alternando do día 30 de novembro ó 4 de decembro en dobre sesión, a primeira ás 18.00 horas e a seguinte ás 20:30 horas.

Malia o pouco tempo que houbo para preparar todo sobre esta nova sección do OUFF, Grandío confirma que “a resposta foi moi positiva tanto en calidade como en cantidade de participantes”. Algunhas das curtametraxes seleccionadas acaban de saír á luz, polo que teremos unha oportunidade única de coñecelas aquí en Ourense. Tamén hai formatos innovadores que amosan as diferentes perspectivas dos novos creadores galegos.

“A creatividade non cesa e a escolma de curtas seleccionadas amosa o bo estado de saúde do formato curto en Galicia”, afirma Miguel Grandío. OUFF En Curto contará cun xurado profesional, que se dará a coñecer nos vindeiros días, pero tamén cun premio que outorgará o público, polo que tódolos ourensáns poderán achegarse para ver as mellores curtas do panorama galego actual.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar