Ourense amplía a sua área termal

 

A cooperación institucional permitirá ao Concello de Ourense realizar unha importante intervención na área termal da cidade, por un importe de preto de 130.000 euros. Así, no Campo de Santiago (Paseo do Tinteiro), instalarase un novo espazo deportivo para todas as idades, ao aire libre e nun entorno de especial beleza e calidade ambiental. Esta actuación, que se realizará froito dun convenio coa Axencia de Turismo de Galicia, dependente da Xunta, terá un investimento que sufragará este departamento autonómico por importe de 47.974,08 euros.

Esta proposta evita a zona inundable e afectada por dominio público, garantizando así a súa permanencia. A zona para os máis pequenos está pensada para poder xogar facendo exercicios e desenvolvendo habilidades e destrezas motoras cun combinado de cordas e pontes de distinto tipo. As súas cores serán grises, co fin de evitar un impacto visual negativo neste entorno. Para os adolescentes, crearase unha zona cun elemento de barras colocadas en distintos puntos que permitirán a realización de exercicios de calistenia tipo Street Work Out, con paralelas, espaldeiras, e barras fixas, tamén en cores discretas. Para os adultos, prantéxanse exercicios complementarios aos que realizan nos paseos habituais, con bancos de abdominais, aparatos de marcha, fortalecemento de pernas e brazos, elíptica bicicleta, etc.

“Con esta actuación global, non só melloraremos e valorizaremos unha das nosas áreas máis singulares, senón que poremos á disposición da cidadanía un novo espazo interxeracional que permitirá compartir ocio e tempo libre a nenos e maiores fomentando hábitos de vida saudables”, sinala o alcalde, Jesús Vázquez Abad.

Esta innovadora zona de xogos complementarase coa mellora dos aseos que están ubicados na área do Muíño da Veiga, en Eirasvedras-Quintela. Esta actuación, tamén froito do convenio subscrito entre o Concello e a Axencia de Turismo de Galicia, contará cun investimento de 36.031,04 euros.

Así, a mellora da área termal completarase tamén cunha actuación sobre o sistema eléctrico e de alumeado na pista vermella que se executará grazas á colaboración institucional coa Deputación Provincial de Ourense, que sufragará esta obra por un importe de 48.000 euros.

O Concello de Ourense, grazas á cooperación entre administracións para promover a innovación e adecuación das nosas instalacións, pon especial énfase na valorización do potencial do termalismo e das actividades deportivas para usos terapéuticos e promoción da autonomía persoal. A sociedade actual tende ao sedentarismo, polo que o Concello de Ourense está a crear zonas de esparcemento e desfrute nos seus espazos naturais, para facilitar así a realización de exercicios e xogos nos mesmos. Por isto se prantexou precisamente de dotar a un espazo paralelo ao tan transitado de paseos con aparatos lúdico-deportivos para a realización de exercicios. Nestas novas áreas poderán convivir distintas xeracións e interactuar facendo deporte ao aire libre.


Departamento de Comunicación
Concello de Ourense
Telf:988388121
_________________________
Concello de Ourense

Política de privacidade/Política de

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar