A TVG e a Radio Galega apoian a UNICEF na Semana coa Infancia

A CRTVG e UNICEF poñen en marcha a Semana coa Infancia, unha iniciativa solidaria que terá lugar entre o 19 e 25 de novembro cunha programación especial na televisión e na radio públicas para sensibilizar sobre os preto de 7.000 acabados de nacer que morren cada día por mor de nacementos prematuros, complicacións durante o parto ou infeccións. O obxectivo da campaña “Un Nombre, Una Vida” é evitar as mortes dos bebés no seu primeiro mes de vida sen chegar a ter un nome, xa que moitos pais non llelo poñen por medo a que non sobrevivan.

Desde este luns, os programas máis destacados da grella da Televisión de Galicia e da Radio Galega, así como o seu portal web e medios sociais, farán un chamamento especial á audiencia galega, que poderá enviar SMS solidarias coa palabra AXUDA ao 38080. Co custo dunha mensaxe, 4€, UNICEF poderá, por exemplo, subministrar 20 pastillas de xabón para garantir unha hixiene mínima durante o parto ou vacinar oito nais contra o tétanos e así evitar a transmisión ao bebé. A audiencia tamén poderá colaborar chamando ao 900 907 133 ou na páxina unnombreunavida.es.

 

“Luar”, “Bos días” ou “Aquí Galicia” ofrecerán un contido especial

 

Os programas dos servizos informativos da Televisión de Galicia “Bos Días”, “A Revista”, “Telexornal Mediodía” e “Telexornal Serán”, colaborarán emitindo entrevistas, transmisións en directo ou reportaxes. No “Bos Días” trataranse contidos relacionados coa supervivencia neonatal, pero tamén co traballo en investigación e coas administracións públicas e o Parlamento que se leva a cabo desde UNICEF Comité Galicia para mellorar a vida dos nenos da nosa comunidade. “A Revista”, “A Revista Fin de Semana”, “Fun polo Aire” e “Vin polo Vento” cubrirán actos conmemorativos do 20-N, Día Universal do Neno, que se celebran en concellos como O Porriño ou Carnota, ou o traballo que UNICEF leva a cabo na comunidade escolar de Galicia a través das “Cartillas de vacinación”, accións de sensibilización baseadas na promoción do dereito á protección, á paz e á non violencia. Outro ano máis, o “Luar” e “Aquí Galicia” comprometeranse coa iniciativa e así o amosarán nos programas do venres e o sábado respectivamente.

Presentadores da Televisión de Galicia como X.R. Gayoso, Terio Carrera e Nieves Rodríguez implícanse nesta Semana coa Infancia da CRTVG e UNICEF. Lucía Regueiro, nomeada neste mesmo ano “Amiga de UNICEF Comité Galicia” e Miguel Canalejo, actores da exitosa serie “Serramoura”, tamén quixeron sumarse a esta campaña.

Pola súa parte, a Radio Galega dedicará ao longo da semana parte dos seus contidos á “Semana coa Infancia”. “Galicia por diante”, “A Tarde”, “Convivir” e “Galicia por Diante Fin de Semana” contarán con programación especial, entre a que destaca a participación de nenos galegos que traballaron nas aulas a Convención sobre os dereitos do neno ou os concellos galegos recentemente nomeados Cidades Amigas da Infancia de UNICEF.

O equipo de “Galicia en Goles” tratará temáticas como a prevención do abuso sexual infantil no deporte, o dereito ao xogo e o deporte como ferramenta da paz e da igualdade. Na emisora pública, actuarán como “mensaxeiros” os presentadores Kiko Novoa, Xoán Galán, Cristina García e Clara de Saa, entre outros.

A estas accións súmase tamén a colaboración do portal web e as redes sociais da CRTVG. Ademais, porase a disposición do público unha canle temática en crtvg.es dedicada á Semana da Infancia, onde se poderán seguir as últimas noticias.

A CRTVG apoia esta campaña no marco das súas accións de Responsabilidade Social Corporativa (RSC), que tamén incluíron durante este 2018 accións arredor do Día de Internet Seguro, do Día Mundial da Bicicleta, das Letras Galegas e da Semana Internacional da Ciencia e da Paz da ONU, coa campaña #CorazónDeInvestigadora.

 

IMPORTE DO SERVIZO DE SMS 4€ ÍNTEGROS PARA UNICEF. Movistar, Vodafone, Orange, Amena, Euskaltel e Yoigo. Operado por UNICEF. N.atn.clte: 902228028, sms unicef.es. Info. legal e protección datos: www.unicef.es

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar