A Casa das Crechas acolle esta semana a Pepe Vaamonde e Davide Salvado

. A Casa das Crechas acolle esta semana estreas e despedidas, alén das súas citas habituais: a Foliada coa Banda das Crechas o mércores, o concerto de Pepe Vaamonde Grupo o xoves, o de Davide Salvado o venres e o de Sumrrá o domingo.

Pepe Vaamonde Grupo presenta ‘Nas pedras do lar’, o seu cuarto traballo discográfico da banda galega, baseado en composicións propias instrumentais e temas cantados tradicionais. Nel a cratividade e a esencia da música tradicional galega fusiónanse para ofrecer un espectáculo orixinal e contundente.

Este cuarto traballo musical da banda está dedicado ao lume, completando así a súa cuatriloxía discográfica, onde cada disco ten como fío condutor un dos catro elementos naturais. 75 minutos de duración cargados de tradición e modernidade que farán arrincar do peito ao público fortes emocións cheas de novos sabores sonoros.

Davide Salvado despídese de “Lobos” para centrarse no que será o seu novo espectáculo. Con este concerto, Davide, acompañado por Santi Cribeiro (acordeón), Carlos Freire (percusión) e Pablo Dalama (saxo), pon fin a unha xira que levou á banda por boa parte do Estado, Canadá, Finlandia, Bélxica ou Portugal.

Davide Salvado é sen dúbida unha das voces máis carismáticas do noso país. De formación autodidacta, leva media vida recorrendo as aldeas na procura de ritmos, coplas e danzas. De todas esas mulleres que se foi atopando, aprendeu non só a tradición na música, senón todo un xeito de vivir. O amor a todas esas prácticas tradicionais e o respecto pola terra, fan do xeito de entender o canto para Davide moito máis que simplemente música.

No 2015 editou o seu segundo disco en solitario, LOBOS, producido por Pedro Pascual (Talabarte, Marful), no que Davide se ve arroupado por músicos do tamaño de Santi Cribeiro (arranxista de moitos dos temas), Xavi Lozano (Coetus), Quim Farinha (Berrogüetto), Miguel Hiroshi ou LAR Legido (Sumrrá), entre outros.

Os lobos inspiran este disco, como metáfora desa cultura tradicional necesaria e ao mesmo tempo maltratada, a imaxe dunha Galiza pura e salvaxe. Así na arte do disco aparecen os lobos de Davide, desde os de Isaac Díaz Pardo para Sargadelos até os que cantan e se convirten en home… ou ao revés.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar