Máis madeira, é a guerra

Os dirixentes de En Marea son moi marxistas. Uns e outros andan a berrar nas súas organizacións, que, coma vagóns, compoñen ese tren electoral: “máis madeira, é a guerra”, mentres camiñan a toda velocidade cara a estación das primarias.

A guerra é por ver quen se queda coa locomotora que turra e quen coa que arrastra.

Si, xa sei que Groucho Marx na película Os irmáns Marx no Oeste non berraba a citada frase, senón, unicamente: “Traede madeira, traede madeira!”.

Iso era na versión orixinal, pero na española, traducida por Miguel Mihura, si aparece a famosa frase “máis madeira, é a guerra”.

Nesta disputa, o que debían berrar os dirixentes de En Marea é: “traede militantes, é a guerra”, unha versión tan adaptada as circunstancias como a realizada por Miguel Mihura.

Desde o sector de Villares están plenamente convencidos de que van gañar a próxima batalla. “Podemos é un bluf, EU nunca foi nada e as Mareas das cidades só son quen de levar aos seus liberados. Nós, todo este tempo, estivemos a facer organización”, dime un dirixente próximo a Villares.

“E logo que”?, é unha pregun- ta que eu lle fago. “Logo En Marea será a organización que todos acordamos constituír en Vigo e que tanto Podemos, co- mo EU, como unha parte de Anova, nunca asumiron. Non nos van coller durmidos nin imos permitir as irregularidades do pasado plenario”.

Desde Podemos, acreditan que a nova dirección, encabe- zada por Gómez-Reino, vai ser capaz de darlle un xiro a situación e prescindir de Villares e os de Cerna. Logo, En Marea volverá a ser unha coalición electoral como foi AGE, unha marca, e negociarán con EU e Anova non so candidaturas, senón tamén o nome. Podemos quere ter presenza como tal.

Un dirixente próximo a Villares afirma que “sabemos que Podemos se quere presentar como tal en moitos municipios nos que xa se presentou En Marea hai catro anos”.

Mentres tanto, como na imaxe da película dos Irmáns Marx no Oeste, van queimando militantes como se fosen táboas, para que o tren siga circulando. Os vagóns están cada vez máis no chasis e a caldeira da máquina bota cada vez máis fume. “Máis madeira, máis madeira!”.

Pero que é o que pasa en En Marea? Algúns dirixentes na- cionalistas de En Marea non dubidan en afirmar que se está a dar unha loita “entre nacionalistas e españolistas”. A mesma disputa política que historicamente enfrontaron as organizacións estatais e galegas pero, agora, na mesma organización instrumental.

E aínda fan autocrítica por “resucitar a EU e darlle carta de natureza a Podemos en Galiza”

E os dirixentes das cidades? “Eses van ao seu”. E Beiras: “non se aclara, pero terá que estar connosco”.

Xa veremos.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar