Xunta e Concello de Xinzo reordenarán o tecido urbano

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou que a colaboración entre a Xunta e o Concello de Xinzo permitirá reordenar todo o tecido urbano do concello.

Durante a sinatura do convenio para o acondicionamento da OU-531, na avda. de Celanova, e a mellora de vías municipais e a racionalización da rede viaria de titularidade autonómica, entre outros aspectos, Feijóo aseverou que esta iniciativa fará posible unha completa reordenación da rede viaria da localidade; “máis de dous millóns de euros, o investimento máis importante que se fixo nesta comarca desde fai décadas para ordenar e reordenar todo o tecido urbano, pero tamén as estradas de titularidade autonómica, de titularidade municipal, as beirarrúas e o abastecemento e saneamento da estrada nacional”, precisou, definindo este proxecto como unha “gran obra única” para facer de Xinzo un lugar mellor para vivir e para visitar.

Máis polo miúdo, o responsable do Executivo autonómico precisou que a avenida de Celanova poderá ver por fin superada esa gran contradición que supón ser unha das principais arterias de tráfico e, ao mesmo tempo, unha rúa singular. Non en van, a actuación deseñada pola Xunta en coordinación co Concello, que se encargará de realizar as obras, permitirá manter a identidade da avenida, cos seus plátanos senlleiros e con dous sentido de circulación sen renunciar por iso a humanizala, renovando a iluminación e o mobiliario urbano e dotándoa das imprescindibles medidas de seguridade identificadas na vía, que virán dadas, ademais, pola liberación do intenso volume de tráfico de paso.

Sobre este punto, Feijóo aseverou que isto será posible grazas a un segundo aspecto deste acordo, que consiste en acondicionar unha serie de pistas e vías municipais para crear unha circunvalación. Deste xeito, os vehículos que veñan de Portugal e de Baltar poderán seguir pasando por Xinzo para acceder a N-525 e á autovía das Rías Baixas, pero sen necesidade de atravesar os treitos máis urbanos desta vila. Ademais de avanzar que a avenida de Madrid será tamén acondicionada.

“Estamos falar, polo tanto, de comunicar mellor Xinzo co resto da comarca, de diminuír os tráficos da Avenida de Celanova, de construír unha nova circunvalación e de arranzar incluso unha estrada de carácter nacional, a N-525”, abundou.

Ao longo do acto, incidiu en que esta colaboración permitirá iniciar xa os trámites de contratación, co obxectivo de que nos primeiros meses de 2019 se poidan empezar a materializar as obras. Unha colaboración que tamén se reflicte en proxectos sobre outros eidos como as reparacións levadas a cabo no centro de saúde; as obras no Colexio Público Carlos Casares; ou a ampliación do polígono empresarial, unha necesidade na que o Goberno galego está a traballar despois de que, grazas aos incentivos da Xunta, todo o solo dispoñible neste municipio estea xa adxudicado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar