Sexto Foro da Comunicación de Galicia en Ourense

O Foro da Comunicación de Galicia chega a súa sexta edición consolidado xa como un punto de encontro de referencia para os profesionais galegos vencellados á comunicación, marketing, deseño, publicidade e edición, xa que lles ofrece a oportunidade de compartir experiencias con grandes expertos do sector e con directivos de importantes empresas que marcan tendencia á hora de comunicar. Esta cita celebrarase o venres 23 de novembro en Expourense e ofrecerá un completo programa no que participan 26 relatores entre os que destacan directivos de comunicación ou marketing de empresas como Renault, LG España ou Marineda City.

Tanto o 6º Foro da Comunicación de Galicia como a Gala de entrega dos III Premios Paraugas foron presentadas esta mañá nun acto en La Molinera, en Ourense,  no que participaron o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense e concelleiro de Promoción Económica de Ourense, Jorge Pumar; o presidente do Clúster da Comunicación Gráfica, Xosé Luis Reza; e a directora adxunta de Expourense, Emma González. Todos eles destacaron o pulo que colleu este evento nos últimos anos para posicionarse como gran punto do encontro do sectos en Galicia que conta coa presenza dos mellores profesioanis a nivel nacional e internacional.

Gurús mundiais

Esta edición contará ademais coa presenza de dous grandes profesionais líderes internacionais nos seus sectores. O primeiro deles é Toni Segarra, considerado pola revista Forbes unha das “100 persoas máis creativas nos negocios” (“100 most creative people in business”). É Académico de Honra na Academia Española e da súa mente creativa saíron eslongans publicitarios que forman xa parte da nosa cultura popular como e que asociamos directamente con coñecidas marcas como “¿Te gusta conducir?”, “¿A qué huelen las nubes?” o “Bienvenido a la República Independiente de tu casa”.

O outro prato forte desta sexta edición do Foro será a participación de Marcos de Quinto, exvicepresidente mundial e ex director de Marketing Mundial de Coca-Cola, a 3ª marca máis recoñecida a nivel mundial, só despois de Apple e Google. Dende esta compañía foi o responsable de posicionar mundialmente o lema da marca “Taste the feeling” e de relanzar o produto “Fanta”. Cunha ampla traxectoria liderando o marketing desde esta compañía, Marcos de Quinto é dende hai uns meses asesor da Fundación Raíña Sofía de Nova York.

Programa de conferencias

O obxectivo deste 6º Foro da Comunicación de Galicia é poñer en valor a calidade e innovación do traballo das empresas galegas nestes sectores, incluíndo tamén experiencias punteiras de empresas de fóra da nosa comunidade. O programa de conferencias deste 6º foro dividarase en varias mesas de debate onde recoñecidos expertos no sector abordarán temas de actualidade que foron seleccionados polo comité organizador deste evento e no que se atopan as principais asociacións profesionais do sector en Galicia e as Facultades de disciplinas vencelladas á comunicación ou publicidade.

A conferencia inaugural correrá a cargo de Conrad Llorens, CEO de SUMMA, unha das consultoras especializadas en “branding” máis importantes do país. Dará as claves para construir marcar que acheguen valor aos clientes.

Haberá tamén unha mesa redonda que versará sobre “Deseño, Artesanía e Oficio Industrial” no que participarán catro recoñecidos profesionais galegos do deseño: Noa Bembibre, fundadora de Noa Bembibre OY (Helsinki); Iván Mato, director creativo Forpeople Ltd. (Londres) e Álvaro Valiño, deseñador Independente,e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro. Esta mesa estará moderada por David Silvosa, Socio director de Costa e vogal do Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia.

A seguinte mesa abordará as experiencias en marketing dixital que serán achegadas polas responsables deste área das filiais españolas de dúas grandes empresas internacional: Grupo Renault e LG. O moderador desta mesa será Alberto Garnil, director de Iconweb e membro tamén do Clúster.

Coas elección municipais próximas, este foro inclúe ademais unha mesa na que se abordará a comunicación política na que participarán a profesora dea Universidad e de Vigo e doutoranda no proxecto I+d+i de debates electorais televisados, Erika Conde; o director do Instituto Internacional de Marketing e Comunicación, Eladio Jardón; o xornalista especializado en comunicación política, Domingos Sampedro, e a consultora en comunicación política e institucional, María Val. Esta mesa estará moderada polo delegado en Galicia da Asociación Nacional de Comunicación Política, Pablo Vázquez.

A sesión da tarde comezará coa conferencia de Mar castro, directora de Netiqueta que dará as claves para ter éxito como “influencer”. A continuación celebrarase a mesa redonda sobre “os límites da publicidade. Creatividade vs. Autocensura” na que participará o propio Toni Segarra acompañado por un dos maiores referentes actuáis da publicidade galega, Miguel Conde, director creativo de BAP&Conde, creadores da campaña “Vivamos como galegos”, entre moitas otras que forman parte xa da memoria colectiva dos galegos. Nesta mesa participarán tamén a presidenta de Executivas de Galicia e xornalista especializada en denunciar a publicidade e a información sexista, Carla Reyes, e a vogal da comisión asesora de Publicidade non sexista da Xunta de Galicia, María Lozano. Esta mesa estará moderada por Fátima Carmena, directora de Nasas.

O programa do foro rematará coas entrevistas sobre a traxectoria persoal realizadas a Toni Segarra, que correrá a cargo do presidente de Creatividade Galega, Jaime Conde, e do director creativo de WISE, Julián Abad; e coa entrevista a Marcos de Quinto que correrá a cargo do secretario xeral de Markea, Jorge Palláres.

III PREMIOS PARAUGAS DO MARKETING E DA COMUNICACIÓN DE GALICIA

Rematado o programa de conferencias do 6º Foro da Comunicación, darase paso á gala de entrega dos III Premios Paraugas da Comunicación e do Marketing de Galicia e que está organizado polo Cluster da Comunicación Gráfica de Galicia en colaboración con Expourense e contando co patrocinio de entidades e empresas como TAC, HP, Iberinform, Avante, GAIN ou BySidecar, ademais da Deputación Provincial de Ourense e o Concello de Ourense.

Estes premios son “do sector para o sector” e teñen o obxectivo de aumentar a competitividade e a capacidade innovadora en empresas e institucións poñendo en valor a calidade e o excelente traballo realizado na nosa comunidade nos eidos da publicidade, deseño, edición, impresión, marketing e comunicación.

Estes premios recolleron nesta edición máis de 250 candidaturas. Os premiados en cada unha das categorías saberanse o día da gala, polo que se agarda que convoque aos profesionais destes sectores de toda Galicia.

O acto servirá tamén para por en valor o traballo e a traxectoria de diferentes empresas e persoeiros que se teñen significado pola súa contribución ao eido da comunicación en Galicia. Deste xeito, a empresa de artes gráficas Tórculo, que cumpre 35 anos; Carmen Fernández, directora de RRII de Mercadona en Galicia; ademais de Toni Segarra, e Marcos de Quinto. Pola súa parte, Executivas de Galicia, asociación integrada no Cluster da Comunicación Gráfica, premiará nesta gala á empresaria ourensá Adriana Domínguez.

Para organizar o programa deste 6º Foro, Expourense conta coa colaboración activa do Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia e co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense e da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia. Entre todos eles facilitan que esta innovadora acción formativa sexa de acceso gratuíto para profesionais do sector, xa que o obxectivo é fomentar a competitividade das empresas galegas. A asistencia a esta xornada precisa de inscrición previa a través da web www.expourense.org, enviando un mail a comunicacion@expourense.org ou chamando ó 988 36 60 30.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar