O centenario da Ponte Nova, protagonista do cartel do OUFF

Os coordinadores técnico e artístico do OUFF, Aurelio Gómez Villar e Miguel Anxo Fernández, respectivamente, presentaron hoxe no Pazo Provincial os carteis da 23ª edición do Festival Internacional de Cine de Ourense, acto no que deron a coñecer a nova imaxe do OUFF para este 2018.

Co consenso de todo o equipo que forma parte do Festival, decidiuse que un elemento importante e identificador da cidade de Ourense debía formar parte da creatividade, obra do deseñador carballiñés Suso Obenza. Por elo, escolleuse a Ponte Nova, que este ano celebra o seu centenario, como imaxe do cartel da 23ª edición do OUFF, porque “queremos que o festival tamén sirva de ponte entre culturas e entre as distintas cinematografías que se xuntarán na programación”, explicou Miguel Anxo Fernández.

Tamén se presentaron os carteis das novas seccións que integran a 23ª edición do OUFF: Fas Muvis, obra de Nuria Grandio, e o de OUFF En Curto, feito por Enzo Sarmiento, “xente nova con diversidade de estilos pero que tamén ten o seu oco no festival”, sinalou o coordinador artístico.

Aurelio Gómez Villar confirmou que “a programación, a falta duns pequenos flocos, está totalmente pechada. Foron cinco semanas traballando intensamente para poder conseguilo”. Os coordinadores adiantaron que haberá unha forte aposta pola igualdade e unha xornada transversal con protagonismo total das mulleres. Contarán coa colaboración de AISGE, Artistas Intérpretes Sociedad de Gestión, e de CIMA, Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais.

Así mesmo, ambos agradeceron o apoio dos colaboradores que, xunto coa Deputación de Ourense, apoian o evento: Xunta de Galicia, Concello de Ourense, Gadis, ABANCA e Fundación AISGE

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar