Día mundial da Banca

 

Hai tempo houbo na TV o rompedor programa “Caiga quien caiga”, rexido polo Gran Wyoming, que no título viña proclamar a intención de informar en liberdade, molestase a quen molestase.

Algo así deberon pensar os membros do alto tribunal que hai unhas semanas proclamou que os custos da formalización das hipotecas, que legalmente se chaman “Imposto de actos xurídicos documentados”, tiñan que pagalo os bancos porque eran os máis interesados en que se amarrase fortemente un préstamo para a adquisición dun ben tan preciado como a vivenda.

Pero entón foi o diluvio, e no perigoso xogo da Bolsa os accionistas dos bancos perderon 5.000.000.000 € -un cinco seguido de nove ceros- polo impacto social que a noticia produciu. Mais como nesto non funciona o “Caiga quien caiga”, o mesmo alto tribunal tomouse un tempo para reflexionar, e o plenario debatíu no comezo de novembro a cuestión, tendo en conta a repercusión social e económica, sen que os bancos tivesen que alzar a súa voz, calados coma vivos que saben moi ben o valor dos silencios.

E por fin, sóubose o resultado do encontro, no que -resumindo partido e resultado- os bancos gañaron 15/13 aos clientes, e estes seguirán aboando ese imposto, co natural contento da parte contratante que segue a levar a mellor parte.

O humorista Álvaro de la Iglesia, moitos anos antes da actual sacralización bancaria, titulou unha obra “Cuatro corazones con freno y marcha atrás”. Neste caso, quince corazóns deron marcha atrás, mentras trece seguiron latindo co compás habitual.
Non entro no fondo da cuestión, que técnicos hai especialistas na materia, e nin eles se poñen de acordo, chegando ao que pode ser un empate técnico e parece pedir, se esto fose un deporte, que en último caso se solventase o problema a penalties.

Os especialistas din que no Quijote non existe a frase de “Con la Iglesia hemos topado, amigo Sancho”. Tampouco existirá, supoño, ningún mandamento que estableza reverencia aos todopoderosos bancos. Sen embargo voto a faltar no nutrido calendario de advocacións festeiras un “Día mundial das entidades bancarias”. Ao mellor porque, como din doutras celebracións, o Día mundial da banca celebrámolo todo o ano.

Nota.- Que o Goberno dictase solución política para o futuro non desvirtúa nada do anterior, que aínda nos ten estupefactos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar