Cámaras de vixiancia

Na nosa memoria está grabado o recordo das xentes do terceiro mundo que se negaban a que a súa imaxe fose plasmada nunha fotografía, temendo que tamén se lles arrebatase a alma.

Algo así acontece en Lugo, que os que intentan protexer os bens colectivos queren instalar cámaras que graven o comportamento dalgúns cidadáns que actúan con alevosía e nocturnidade, e os que temen que se lles arrinque un anaco da alma rexéitanas porque significa perda de intimidade e de dereitos, volvendo a tempos que ninguén quere lembrar onde a actividade pública das persoas estaba fortemente limitada.

Pero ten que haber termos medios, especialmente se temos en conta que a inmensa maioría dos lucenses, ou que visitan Lugo, temos un comportamento civilizado e cordial, sendo unha mínima minoría as que se comportan de xeito incivilizado.

Trátase de que as autoridades teñan na súa man armas coas que loitar contra os depredadores dos bens públicos, e onde non hai axentes da orde haxa cámaras que vixíen comportamentos, gravacións das que só poden temer algo os que non se comporten do xeito que hai que esperar de calquera que ocupe o noso espazo público.

A fonte da Praza do Campo é obxecto directo dos enemigos do patrimonio e se, como quería Pimentel, o santo está co dedo en alto pedindo silencio, non só estorba o dedo aos enemigos da arte, senón que o mesmo santo pode ser parella de baile, e o brocal da fonte escenario no que toque unha charanga nunha noite de troula.

Que a cámara pode ser vista como síntoma de represión de liberdades?. Pois entón son síntoma de represión a policía, a luz, as normas, as reprobacións, as denuncias, os comentarios… podendo chegar a compararse as cámaras coa santa inquisición.

Quizais as autoridades teñan mellores solucións, pero a min, de repente, só se me ocorren a de máis policía polas rúas, cámaras de gravación, ou pastores eléctricos disuasorios. Os pastores eléctricos que se utilizan para o gando poderian valer elevando a tensión, que se para as reses chega cunha pequena descarga, os insensibles ao patrimonio e a convivencia van precisar unha mensaxe máis enérxica. Todo antes que as cámaras, que recortan liberdades dos que recortan liberdades.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar