O alcalde de Ourense pide ao ministro de Fomento os proxectos da Variante Norte

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, vén de remitir senllas cartas, con carácter urxente, tanto ao ministro de Fomento, José Luis Ábalos Meco; como ao secretario de Estado de Infraestruturas, Pedro Saura García, co fin de manter unha reunión que sirva para despexar as dúbidas que penden agora mesmo sobre proxectos fundamentais para Ourense como é a Variante Norte.

De feito, a misiva conclúe dicindo que: “É o momento de tomar decisións políticas frmes para activar a finalización destes trámites que se dilatan inexplicablemente no tempo, e é por elo que en nome do Concello de Ourense pídolle que coa maior celeridade se aprobe o proxecto de construción deste tramo e, previo á súa supervisión, acorde a súa licitación antes de que finalice 2018”.

“Preocúpame o que se anda a dicir entre as persoas que asisten a reunións internas, que non é favorable para os intereses de Ourense”, di Jesús Vázquez Abad.

O rexedor lembra que o proxecto está feito e que o anterior goberno o deixara listo para a súa licitación, “e agora non entendemos que algo que é de xustiza para Ourense quede no caixón”.

“Espero que o PSOE, Podemos e As Mareas, que agora gobernan conxuntamente en Madrid, porque están a soster ao Goberno, reclamen o que está comprometido e orzamentado para Ourense, como outros o fixemos con outros gobernos”, di o alcalde. “Non quero dobres linguaxes: se o PSOE quere o Bulevar Termal, este ten que vir parello á licitación da Circunvalación Norte e é algo absolutamente irrenunciable”.

Vázquez Abad lembra que o anterior Goberno deixara listo para licitar o primeiro tramo (orzamentado en 30 millóns de euros) e estaba moi avanzado o proxecto para a segundo tramo e se ía empezar a redactar o proxecto do terceiro tramo. De feito, foran estimadas as alegacións propostas polos técnicos do Concello de Ourense. “Ese traballo non pode quedar afastado, porque non podemos permitirnos que un proxecto de semellante magnitude para a cidade que se aplace sine die e que ese orzamento consignado para Ourense vaia para outro lado. Non o imos permitir”.

“Aquí non se está fastidiando a un goberno ou a outro: estáselle negando o que é de xustiza para os 106.000 habitantes desta cidade”, conclúe o alcalde.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar