A Orquestra Clásica de Vigo ofrece un concerto de Sibelius

Afundación, a Obra Social de ABANCA, acollerá no seu Teatro de Vigo o concerto que a Orquestra Clásica de Vigo ofrecerá centrado na figura de Jean Sibelius. O recital terá lugar o vindeiro mércores 21 de novembro ás 20.30 h e as entradas están xa dispoñibles a través da web de Ataquilla.com.

O conxunto musical, baixo a batuta de Manuel Martínez Álvarez-Nava, interpretará a Sinfonía N.º 2 de Jean Sibelius, unha impresionante obra sinfónica do compositor finlandés, xunto coa estrea absoluta de Dualismos, unha obra de encargo composta para a ocasión polo artista vigués Juan Eiras.

 

Orquestra Clásica de Vigo

En xaneiro de 1984, un grupo de 13 estudantes do Conservatorio, por iniciativa do profesor de violín e viola Manuel Martínez Álvarez-Nava, inician un camiño común co obxectivo de crear unha orquestra de alumnos na que estes se poidan formar na actividade orquestral e gozar do pracer da interpretación dese repertorio. Esta pequena configuración dá o seu concerto inaugural o día 8 de xuño de 1984, dentro do recital de fin de curso dos alumnos do conservatorio como Orquestra de Cámara do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

A partir do seguinte curso académico a orquestra establece unha programación de concertos, en base a unha constante renovación do programa e un traballo de ensaios regular. A partir do ano 1989 a orquestra independízase definitivamente do conservatorio e pasa a denominarse Orquestra Clásica de Vigo, con sede de ensaio no local da Sociedade Filharmónica de Vigo. Ademais da vertente de concertística, a orquestra desenvolve tamén un intenso papel de carácter divulgador e didáctico para públicos novos.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar