Martiño Maseda acada o primeiro premio no VII Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

A obra  ‘Mapa de xeografía emocional’ do autor Martiño Maseda acada o primeiro premio no VII Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, que cada ano convoca o Concello de Mondoñedo, en colaboración coa Área de Cultura da Deputación de Lugo.

Martiño Maseda é natural de Vilalba, e recibirá un premio de 1.500 euros, placa e diploma. Mentres, o segundo premio, dotado con 600 euros, placa e diploma, recaeu na obra titulada ‘1(14)1’, do autor Alberte Momán de Ferrol. O terceiro premio foi para a obra ‘Documentos do escribente’ de Jorge Alonso García. O autor nado en Bos Aires e residente en Vilagarcía de Arousa recibe 300 euros, placa e diploma.

Dende o Concello de Mondoñedo destacan que esta edición do VII Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro estivo marcada “polo gran número de obras que participaron, preto de 100 orixinais recibidos”.

Os xurado que fallou os premios estivo integrado por Aurea Ramil, Armando Requeixo e José María Felpeto.

 

Entrega premios

A entrega dos galardóns aos premiados terá lugar durante un acto celebrado polo Concello de Mondoñedo e que terá lugar o vindeiro sábado, 17 de novembro. Desenvolverase baixo o seguinte programa:

 

12.00 horas; Recepción oficial na Casa do Concello.

12.15 horas; Ofrenda floral ante a tumba do poeta.

12.45 horas; Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.

 

Promoción da poesía

Deste xeito, o Concello de Mondoñedo amosa un ano máis o seu compromiso “de aposta pola promoción do xénero poético, neste caso en lingua galega”, así como “pola contribución á divulgación dos seus autores”. Con este afán de contribución á promoción da escrita poética, o Concello editará no ano 2019 un libro con todos os poemas gañadores das diferentes edicións do certame que honra a figura  de Manuel Leiras Pulpeiro.

Dende a administración local lembran que Mondoñedo é “o berce de grandes mestres da literatura e da poesía” e, neste senso, lembran a convocatoria non só do premio de poesía que honra a Manuel Leiras Pulpeiro, senón tamén o premio de poesía Díaz Jácome.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar