Uxío García Amor

Este sábado, dez de novembro, é o día de acudir a Vilalba para participar na homenaxe a don Uxío García Amor, o noso crego de Vilalba, Director da Polifónica Vilalbesa, que o día sete de novembro cumpríu 90 anos.

Podería levar vintecinco anos xubilado desde a idade que daquela marcaba a xubilación, pero segue plenamente en activo derrochando actividade e ben a todos os que temos a sorte de estar arredor, aínda que nunca se nos teña pegado o que el irradia de bonhomía, fe, poesía, sabedoría, modestia, compaña e agarimo.

Nado en Sante-Trabada, hai 65 anos que foi consagrado crego. Puido ser bispo pero nunca aspirou a distincións, e supoñemos que non aceptou… Na diocese foi Vicario Xeral, Administrador diocesano e profesor, pasando logo a servir postos máis humildes como párroco na comarca das Pontes, en Muras, e Vilalba, porque a súa vocación é a de servir sempre aos demais.

Uxío García Amor, grande das letras, da Igrexa, das humanidades, con tres licenciaturas universitarias e o agarimo e admiración de todos os que foron os seus alumnos ou somos os seus feligreses, veu a Vilalba e aceptou ser director da Polifónica vilalbesa, sempre de xeito desinteresado, como antes o fora do Orfeón de Obreiros de Mondoñedo. E en Vilalba foi nomeado Socio de Honra do Instituto de Estudos Chairegos, e Chairego de Honra, en 2012 por Xermolos e a Irmandade Manuel María. O papa Benedicto nomeouno “Prelado de honra da súa Santidade”, levando consigo este nomeamento o titulo de Monseñor.

Pois a Monseñor Uxío Garcia Amor, o 10 de novembro, os vilalbeses rendímoslle homenaxe de amizade e gratitude, cunha misa e un xantar de amigo especial, certificando que aos 90 anos segue plenamente en activo, ao noso servizo, ao servizo de Vilalba, dun xeito entregado, humilde, calado, que tanto ben nos fai, e tanto a el o honra como home de Deus ao servizo da xente.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar