Galiza, ¿centro ou periferia?

Hoxe esta interiorizado pola maioría da poboación galega que somos periferia e que, desta nosa situación, arrincan todos os males.

O amigo Gustavo Luca de Tena, ven defendendo desde hai moitos anos o contrario: Galiza está situada no centro do mundo. Por onda nós pasan as grandes rutas comerciais mundiais. Cara o norte de Europa, cara os EE UU, cara Panamá, cara África, Asía e o Mediterráneo…

E nós teimando en conectarnos con Madrid polo sistema radial e de Madrid cara Europa e cara o mundo, sen decatarnos que o noso poderío, a nosa forza, sempre estivo no mar. Nos mares que colonizaron os nosos mariñeiros e que sucaron os nosos emigrantes.

Galiza nunca estivo illada, nin os montes que nos separan da meseta castelá nos separaron do mundo. Entre outras cousas porque a Galaecia sempre foi moito máis grande, tanto cara o leste como cara o sur. Cando lle fixo falta a conexión terrestre, puxo en marcha o Camino de Santiago.

Galiza deixou de ser centro e converteuse en periferia cando perdeu todo poder político e, ante o declive de España, comezaron a inventarse unha Castela omnipresente e omnisciente que borrou do mapa aos demais territorios e as demais culturas hispanas. O noso declive económico veu imposto por leis e por criterios políticos, non polo noso asentamento no planeta terra.

O 31 do mes de outubro inaugurouse en Madrid unha exposición no Museo Nacional de Arqueoloxía, Galaicos, un pobo entre dous mundos.

Nela, a través da arqueoloxía, cóntase como Galiza foi centro xa antes da chegada ao noso territorio do imperio romano. De como non estaba só conectada co mundo atlántico, senón tamén co mediterráneo, converténdose en ponte entre esas dúas culturas, que enraizaron nas nosas terras e que chegaron a través dos mares.

Unha Galiza que, como mostran os achádegos expostos, xa era rica antes da etapa castrexa, cuns pobos nómades, que practicaban a agricultura e a gandería extensiva.

É sorprendente que esta visión, que se dá agora na exposición organizada pola Deputación de Pontevedra, estea afastada da maioría da nosa historiografía, polo menos, da vulgarizada, que se utiliza para transmitirlla a maioría do pobo. “Galiza foi un dos puntos estratéxicos da prehistoria e historia antiga”, afirman os comisarios.

“Esta exposición nace para rachar tópicos do pasado e a idea de pobo pouco desenvolvido. A cultura galaica era unha sociedade matriarcal e democrática, moi aberta e creativa, cunha grande confluencia de tradicións culturais”. Son palabras da presidenta da deputación de Pontevedra, Carmela Silva, na inauguración.

Pois iso, rachemos tópicos e sepultemos as mentiras, sempre interesadas.

 

Afonso Eiré çe xornalista e colaborador habitual de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar