Máis de 160 músicos darán vida no Auditorio de Ourense as pezas do grupo británico Queen

O Auditorio Municipal de Ourense acollerá o sábado, 10 de novembro, o  espectáculo “The Queen Symphony”. Trátase dun concerto gratuíto a cargo da Banda Artística de Merza (provincia de Pontevedra) e do Coro Gli Appassionati, (Vigo), que ofrecerán un repaso en versión orquestral polos mellores temas da mítica banda británica liderada por Freddie Mercury.

Máis de 160 persoas daranse cita sobre o escenario, nunha colaboración única entre a coral (70 persoas) e a banda sinfónica (80 instrumentistas), que con este concerto quixo conmemorar os 190 anos de vida da orquestra nunha localidade que non chega aos 400 habitantes. Fundada no ano 1828, é a agrupación popular máis antiga de Galicia .

Ourense acollerá a interpretación que ambas agrupacións musicais farán da peza composta polo compositor e director de orquestra londinense, Tolga Kashif. Até este momento a banda só interpretou este espectáculo en dous concertos, os pasados 27 e 28 de xullo, na Cidade da Cultura e en Vigo, respectivamente.

“The Queen Symphony” é unha obra que integra orquestra e coro que Tolga Kashif realizou no ano 2001 por encargo do mítico selo EMI Classics, que lle encargara compoñer unha peza sinfónica baseada na música de Queen.

A súa estrea mundial tivo lugar no Royal Festival Hal, en 2002, e contou coa presenza dos membros de Queen Brian May e Roger Taylor, así como da nai de Freddie Mercury, Jer Bulsara.

O concerto que ofrecerán a Banda Artística de Merza e o Coro Gli Appassionati comezará cos arranxos realizados entorno aos temas  “Radio Gaga”, “Show must go on”, “One world, one vision” e  “I was born to love you”.

Na segunda parte será a quenda do lírico “Love of my life”, que da orixe a un concerto de piano que será invadido polos temas “Another one bites the dust” e “Killer Queen”, como un dúo en forma de protesta. A continuación, nun diálogo entre o violín e o violoncello, interpretarase “Who wants to live forever”.

“The Queen Symphony” continúa coa particular versión orquestrada do tema “Bicycle race” e un desfile de grandes momentos de Queen: “Mama, just killed a man…”, “We will rock you”, “Scaramouche”… para rematar con “We are the Champions” e unha repetición de “Who wants to live forever”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar