Ovidio Rodeiro presenta no Pino o obradoiro que formará a 20 alumnos en xardinería

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, asistiu no Pino ao inicio do obradoiro, compartido con Arzúa. Concretamente, participou no arranque do curso “O Pino-Arzúa” centrado en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería” que formará a 20 alumnos grazas a un investimento da Consellería de Economía, Emprego e Industria de 288.000 euros.

Este taller de emprego centrarase na posta en valor de puntos estratéxicos do Camiño de Santiago, concretamente do Camiño Francés no seu tramo de Arzúa e O Pino. Está integrado por un total de 20 persoas, maiores de 18 anos, dos dous concellos. Os alumnos-traballadores formaranse durante 9 meses, desenvolvendo actuacións de xardinería e mantemento en carballeiras e áreas de descanso, así como na mellora do aspecto visual do Camiño coa ocultación dos contedores de lixo mediante a execución de ocultacontedores.

Ovidio Rodeiro destacou que “estes obradoiros forman para dun dos programas da Consellería de Economía, Emprego e Industria que máis demanda teñen porque os programan os concellos tendo en conta as necesidades das empresas do entorno”. Neste senso, puntualizou “que o grado do integración laboral nos primeiros meses ronda o 60% polo que é moi interesante participar nos mesmos”. O delegado territorial animou a todos os asistentes “a traballar duro para aproveitar ao máximo esta oportunidade”.

O representante do goberno autonómico apuntou que “estes cursos se centran na prestación de servizos de interese xeral e social para favorecer a inserción laboral dos seus alumnos que, unha vez rematado o curso, contan cun certificado oficial válido a nivel nacional”. Na preparación dos obradoiros tamén se aposta polo emprendemento xa que os beneficiarios reciben formación especifica para poder iniciar os seus propios proxectos.

O representante do goberno autonómico informou que os municipios da área de Santiago contarán en 2018 cun total de 11 obradoiros de emprego, 8 deles de carácter dual, onde participarán alumnos e alumnas de calquera idade e 3 de Garantía Xuvenil, para mozos e mozas menores de 30 anos. Mediante estas iniciativas a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá nesta área en políticas activas de emprego 2,6 millóns.

Os 8 obradoiros duais, serán en Teo, compartido con Rois e Dodro; en Negreira, compartido con Santa Comba, A Baña e Val do Dubra; no Pino, compartido con Arzúa; en Ordes, compartido con Frades e Mesía; en Melide, compartido con Boimorto; en Teo en Santiago de Compostela, compartido con Ames e en Santa Comba, compartido con Dumbría e Mazaricos.

Pola súa banda, os obradoiros do Sistema de Garantía Xuvenil, realizaranse en Santa Comba, compartido con Negreira, A Baña e Val do Dubra de 16 prazas; Rois, compartido con Padrón en Dodro de 10 prazas; e Santiago, compartido con Teo de 16 prazas.

Estes obradoiros permitirán que un total de 190 persoas desempregadas se formen nun oficio mentres realizan tarefas en beneficio de espazos e instalacións públicas. Os participantes recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. A duración dos obradoiros xerais serán de 9 meses e os de Garantía Xuvenil de 6 meses.

A principal novidade é que os participantes nos obradoiros duais poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, e terán despois a posibilidade de contar cun contrato en prácticas, de como mínimo tres meses máis, nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

A nivel provincial, os 38 obradoiros de emprego que se organizan na Coruña permitirán a formación de 682 alumnos-traballadores, grazas a un investimento de máis de 9,3 millóns de euros

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar